Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Galicia e o desafío de China
Por Xulio Ríos (Nova+, maio/2007)
 
 

  Queixos de Galicia; clic para aumentar
Urxe dispor en Galicia dun Plan China que debe liderar a Xunta de Galicia e que contemple accións en diferentes ámbitos: dende a formación e preparación de técnicos en comercio exterior e empresarios, ata a definición dos sectores máis atractivos en razón das complementariedades a establecer coa economía chinesa e a concentración demográfico-territorial das actuacións a desenvolver. (Foto: Queixos de Galicia. Denominacións de orixe Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, Cebreiro e San Simón da Costa).
 
Ninguén discute a estas alturas a necesidade de estar presentes no mercado chinés. Os ritmos de crecemento do xigante oriental e as considerables dimensións da súa economía, actualmente a cuarta do planeta, espertan o temor, a admiración e o interese de todo o mundo. Mesmo a pesar das lagoas, carencias e contradicións do “socialismo con peculiaridades chinesas”, sistema configurado durante os últimos trinta anos a partir do abandono do maoísmo económico, as expectativas e oportunidades de negocio son moitas, se ben cabe pensar que a tarefa de achegamento será cada vez máis esixente. A China de 2007 non é xa a de 1978, e non só en materia de capacidade adquisitiva ou apertura ao exterior; agora repara na calidade dos investimentos e é máis consciente do seu atractivo e do seu poder. A formulación dun novo modelo de desenvolvemento (atención ao ambiente, reforma laboral, novas tecnoloxías, protección da industria nacional, etc) é un lugar recorrente no discurso dos seus dirixentes. E non son palabras ocas.

A aproximación de Galicia a China é moi feble e errática. A multiplicidade e reiteración –cando non duplicación– de accións benintencionadas pero dispersas e inconexas, dificulta o éxito, que soamente pode ser a consecuencia dunha estratexia racional que hoxe faga fincapé en dous elementos: o liderato público e a planificación integradora dos diferentes actores. Urxe dispor en Galicia dun Plan China que debe liderar a Xunta de Galicia e que contemple accións en diferentes ámbitos: dende a formación e preparación de técnicos en comercio exterior e empresarios, ata a definición dos sectores máis atractivos en razón das complementariedades a establecer coa economía chinesa e a concentración demográfico-territorial das actuacións a desenvolver.

Ese Plan debe ser unha iniciativa integral, non soamente económico-empresarial. Debe ter en conta os factores cultural, educativo, social e, tamén político, pois todos eles cumpren unha función moi importante para garantir o éxito dunha política proactiva en relación a China. Unha estratexia de país que poida estruturar as relacións actualmente existentes para, baseándose nelas, dar o salto necesario, marcando pautas, definindo guías, dignificando e poñendo en valor aqueles atributos que nos singularizan, xa se chame autonomía ou cooperación transfronteriza, diáspora, montes en man común, turismo, música celta, granito ou mexillón, tomando en serio os nosos puntos fortes, eses que tantas veces ignoramos e substituímos por mero seguidismo do que fan outros sen pararnos a pensar na nosa propia excelencia. Mesmo sendo atrevidos na exploración de aspectos que afonden na indispensable proxección da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal que podería facilitar o establecemento de alianzas para achegarse ao mercado chinés a través, por exemplo, da porta macaense. Ou revitalizando e ampliando os vínculos con Taiwán que, a pesar das diferenzas e tensións políticas co continente, dispón de sólidos mecanismos e experiencia para facilitar os investimentos na República Popular China.

Para iso é fundamental dar unha visión moderna de Galicia, a que se corresponde cun país desenvolvido, beneficiándose do propio impulso da imaxe económica de España, moi mellorada nos últimos anos, pero sen desprezar a conveniencia de instar esforzos autónomos. Nesa liña é esencial imaxinar accións de promoción (dende portais inversos ata Comités de homes de negocios, plans estratéxicos en sectores específicos ou políticas de financiamento que faciliten a presenza de sectores estratéxicos con alta capacidade de arrastre das exportacións) e mellorar tanto a formación de expertos económicos e comerciais (intensificando a política de becarios, cursos sobre calidade), como o rigor da información existente sobre a realidade galega.

China é cada vez menos un mercado fácil. E Galicia, que vai con moito retraso e lentitude, perdeu posibilidades en sectores cualitativamente importantes, que desatendeu, en tempo e forma, por falta de visión, en primeiro lugar, dos nosos propios empresarios. China é moi grande e Galicia moi pequena, China está moi lonxe e a súa lingua é descoñecida e pouco accesible, as nosas empresas son de pouco tamaño... Todo iso é certo pero sendo así, iso non debe desanimarnos senón obrigarnos a reparar na necesidade de formular unha estratexia racional que nos permita aproveitar sinerxías e aplicala con perseverancia. Ter interese por China significa asumir, na maior parte dos casos, que se precisará máis tempo do común para acadar os nosos obxectivos, pero que de logralos, as posibilidades que se abren ante nós serán moi importantes.

O liderato público e o respaldo da Administración é básico para tratar con China, tanto para apoiar as estratexias empresariais como para consolidar eses vínculos institucionais que constitúen unha peza clave do entramado sociolóxico oriental e que facilitan a resolución de moitos problemas. Agora mesmo temos unha oportunidade de ouro co interese que se manifesta en China por coñecer o funcionamento da nosa autonomía para reformar o sistema xurídico-político das súas cinco rexións autónomas.

China vai camiño de ser o epicentro económico do século XXI. Galicia non pode estar ausente.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta