| Acción exterior |
||||||||
| Fondo Galego Por Xulio Ríos (AGN, 09/10/2007) |
||||||||
|
Hai dúas mensaxes esenciais no actuar do Fondo. A primeira, que a cooperación comeza aquí. A segunda, o consenso. Certamente, non se pode predicar a cooperación con terceiros, aínda que sexa para rematar coa pobreza no mundo, se logo despois non facemos outra cousa que erguer valados entre nós que nos permitan situar megafonías dirixidas a “vender” o moito e ben que facemos, cousa que hoxe está de moda. Comprender a importancia de sumar recursos para financiar proxectos de certa entidade e aos que se lle debe facer un seguimento, diferenciando ese proceso das tarefas de sensibilización e transparencia que deben acompañalo, vai camiño de conseguirse. Iso facilítase, por outra banda, en virtude do consenso, da capacidade demostrada para reunir vontades políticas facendo da cooperación un espazo común a cultivar, onde todos poden sentirse cómodos que é outra virtude, de vital importancia, do Fondo Galego que cómpre reivindicar. A cooperación local é unha pedagoxía que esixe que os diferentes actores presten a debida atención e implíquense na aprendizaxe. Non hai, non debe haber, transferencia de responsabilidades para “librarse das ONGDs”, senón unha asunción activa dun compromiso con aquelas ideas e obxectivos que permitan plasmar unha cidadanía crítica e solidaria, a sabendas de que é posible que o mundo, así, non se poderá cambiar de todo, pero sen dúbida, hai comunidades concretas que si poden mellorar as súas condicións de existencia. O municipalismo galego, unha realidade moi recente en numerosos aspectos, dispón dun acervo de experiencias de gran valor para moitos países en vías de desenvolvemento. Ese é o espazo onde pode facer valer a súa cooperación. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 07/10/2007 |
||||||||
|
||||||||