| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| Espasmos belicistas Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 27/09/2007) |
||||||||
|
Sorprende en todo caso a proclama de Kouchner, en clara contradición coa política auspiciada pola UE de esgotar a vía das sancións, e que sitúa a diplomacia gala na órbita da estadounidense e moi lonxe dunha tradición que sempre fixo fincapé no respecto da legalidade internacional e do sistema onusino. Nin Londres, afeita a estar incluída no bando dos duros, mencionou nunca, explicitamente, a posibilidade de iniciar unha guerra contra Irán, menos agora que Brown aspira a tomar distancias dun Bush totalmente desautorizado, ata por Greenspan. O “progresista” da dereita plural de Sarkozy non modera ao seu presidente, que en agosto pasado xa se amosaba partidario de accións por libre contra Teherán, senón que rifa con el en atrevemento. O impacto de tan extemporáneo espasmo en Irán despois da elección do reformista Rafsanjani como presidente da Asemblea de Expertos está por ver. Rafsanjani é considerado o pai do programa nuclear de Irán, se ben é partidario dunha aproximación ás potencias occidentais, incluído EEUU. A rivalidade entre Rafsanjani (que perdeu as eleccións en 2005 a pesar de ser o candidato máis votado na primeira volta) e Ahmadinejad, de visita na ONU esta semana, irá in crescendo, especialmente en materia de política exterior, onde o primeiro é valedor dunha política máis orientada ao diálogo e que poña fin ao illamento internacional de Teherán. Que sentido ten que neste contexto Kouchner aposte pola inflexibilidade? A chegada ao poder de Sarkozy semella implicar un cambio de rumbo no papel de Francia na escena internacional, cunha maior aposta pola presenza en ámbitos como Medio Oriente e África. Nos últimos tempos, a presenza da diplomacia gala en Libano, Israel, Palestina, etc, e ou reviramento promovido en Iraq parecen indicar que París ambiciona tomar parte activa na hipotética remodelación da orde rexional. Pero alá onde pisa, atopase coa crecente e entorpecedora influencia da República Islámica. Washington e París, aínda non compartindo todo, poden trazar moitos intereses comúns. A reconsideración da tradicional aposta francesa polo diálogo, sempre máis intensa ca de moitos outros países europeos, cabe contextualizala nese cambio de rumbo. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 23/09/2007 |
||||||||
|
||||||||