Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Enredando coa diáspora
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 17/05/2007)
 
 

  Porto de A Guarda; clic para aumentar
É tempo de abrir un diálogo construtivo coa diáspora e deixar de enredar con visións unilaterais que, benintencionadas ou non, non contribúen máis que a desacreditar un dos activos máis valiosos cos que contamos. Cada vez será máis difícil convencer á diáspora de que se implique en proxectos de país porque dende Galicia todo se reduce ou a propaganda ou a manipulación. (Foto: Pedras do crebaondas e horizonte no Porto de A Guarda. ©Fernando Pol).
 
Despois do acontecido nas últimas semanas, o próximo 28 de maio non debería caer no esquecemento a definición dunha política para a diáspora galega. É especialmente urxente para acoutar as inercias do pasado e formular unha estratexia conforme aos novos tempos que poña en valor tan importante recurso, asomando unha concepción intelectual rupturista que dignifique a emigración e modernice as bases da súa integración na política e na sociedade galega.

Esa definición debe ter en conta, como mínimo, os seguintes parámetros. En primeiro lugar, a bilateralidade. A política galega para coa diáspora debe asegurar a participación activa da propia emigración. Nese colectivo existen entidades e persoas de enorme relevancia en diferentes campos que poden aportan unha visión complementaria e enriquecedora, distinta, probablemente, á que nós mesmos temos do colectivo. Cómpre revalorizar entre nós a transcendencia do seu aporte, non soamente polo feito hai décadas, senón polo que hoxe significan nas súas sociedades de destino, onde están integrados e gozan de notable influencia. Non toda a nosa diáspora precisa do paraugas da asistencia, aínda que a inmensa maioría son uns grandes descoñecidos.

En segundo lugar, a globalidade. É hora de rematar coas políticas parciais. Cómpre un enfoque integral que relacione e dea sentido ás diferentes estratexias e que dignifique a diáspora como conxunto. Asistencialismo, dereitos políticos, redes empresariais, políticas laborais e de retorno, etc, nunca serán suficientes se non van acompañados dunha visión renovada que insista non na busca de máis problemas, na autodestrución sistemática dos nosos recursos humanos máis prezados, senón na súa inmensa utilidade recíproca nunha sociedade globalizada.

En terceiro lugar, o consenso. Coa diáspora hai que facer política de país e non de partido, e iso obriga a definir un consenso básico que nos permita optimizar este recurso, en condicións de permanencia e continuidade, protexéndoo dos avatares propios da alternancia. Ese consenso non soamente debe ser partidario, senón que debe intentar alargarse á propia sociedade civil. En suma, deixar de enredar e construír unha política madura que conte cun amplo soporte.

As manipulacións e despropósitos vividos nas últimas semanas desacreditan a solidez da política e dos políticos galegos. É un problema vello que non se deu atallado nin as iniciativas recentes engaden solucións cribles, especialmente cando se empeñan en “innovar” resucitando teimas tan antigas como fracasadas. É tempo de abrir un diálogo construtivo coa diáspora e deixar de enredar con visións unilaterais que, benintencionadas ou non, non contribúen máis que a desacreditar un dos activos máis valiosos cos que contamos.

Cada vez será máis difícil convencer á diáspora de que se implique en proxectos de país porque dende Galicia todo se reduce ou a propaganda ou a manipulación. Se lles utiliza en función das circunstancias pero nin se lles aproveita nin lle somos de proveito.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/05/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta