Presencia-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Cuba / Cuba
En vida de Fidel
Por Xulio Ríos (Xornal, 03/08/2007)
 
 

  Viva el 26, clic para aumentar
O que se desprende do discurso de Raúl é que as reformas deben comezar xa, en vida de Fidel e contando con el, co seu respaldo, indispensable para garantir a cohesión e a unidade partidaria. Sexa cal sexa o desenlace da súa enfermidade, despois dun ano de retirada da primeira liña da vida pública, para Raúl é tempo de actuar, de aplicar medidas imperativas e estimulantes, aínda que sen abdicar da “defensa das ideas” que predica o Comandante en xefe. (Foto: Un home pinta na rúa “Viva o 26” o día antes do aniversario do inicio da Revolución cubana co frustrado asalto ao Cuartel Moncada o 26 de xullo de 1953).
 
O discurso de Raúl Castro do pasado 26 de xullo espertou e esperta numerosas especulacións. Non é tan novedosa a súa autocrítica radiografía de Cuba. Na miña opinión, o que viu a dicir son, basicamente, dúas cousas. A primeira xa se sabía: o principal problema de Cuba actualmente non é político ou social, senón económico, e urxe adoptar medidas para mudar esa situación, non soamente con retórica senón con certo atrevemento nas formas para garantir a elevación da produción, obxectivo que non é posible acadar unicamente reforzando a disciplina laboral.

Con todo, Raúl reincidiu de forma incisiva en temas esenciais (os baixos salarios, a alimentación, etc) que tanto preocupan na sociedade cubana. Para iso, dixo, serán necesarios tamén cambios estruturais e de conceptos, que afecten a algo tan elemental como a xeración de estímulos que motiven aos campesiños e aos traballadores a producir máis e mellor. Mentres o problema da alimentación está a agrandarse na illa, case a metade das terras agrícolas está en desuso e só o 18 por cento das cultivables dedícanse a cultivos temporais. Co 32 por cento das terras de labor, uns 100.000 produtores privados e cooperativistas producen máis do 50 por cento dos alimentos. Segundo datos oficiais, a importación de alimentos básicos de orixe vexetal e animal aumentou un 35 por cento nos dous últimos anos. Cuba ten dificultades para pagar esa factura. Segundo Raúl, o incremento do prezo do leite no mercado internacional suporá en 2008 o desembolso de tres veces máis do gastado en 2004.

Na produción industrial acontece outro tanto e Cuba precisa, ademais, capital, tecnoloxía e mercados exteriores cos que establecer unha cooperación mutuamente beneficiosa.

O segundo, con todo, paréceme máis importante. O que se desprende do discurso de Raúl é que as reformas deben comezar xa, en vida de Fidel e contando con el, co seu respaldo, indispensable para garantir a cohesión e a unidade partidaria. Sexa cal sexa o desenlace da súa enfermidade, despois dun ano de retirada da primeira liña da vida pública, para Raúl é tempo de actuar, de aplicar medidas imperativas e estimulantes, aínda que sen abdicar da “defensa das ideas” que predica o Comandante en xefe.

Fronte aos que pensan que nada se moverá en Cuba ata que desapareza Fidel, o desafío de Raúl consiste en demostrar o contrario, e lograr incluso que Fidel non se opoña. Veremos se pode facelo. Os primeiros movementos serán lentos, pero semellan tan inevitables como desexables.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Cuba



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/08/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta