| Acción exterior |
||||||||
| Desdramatizar a acción exterior Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 19/07/2007) |
||||||||
|
A clave reside agora en dous aspectos. En primeiro lugar, en desdramatizar a presenza exterior, que no marco actual non debe ser entendida doutro xeito que como reforzamento da acción internacional do propio Estado. Iso esixe información, transparencia, coordinación e lealdade, é dicir, a habilitación de mecanismos institucionais fluídos, dentro e fóra, que saiban tirar proveito do facer de cada quen e acumular sinerxías. Unha acción exterior descentralizada non estraga recursos senón que os pode aproveitar mellor. En segundo lugar, cómpre modernizar unha acción diplomática estatal en boa medida desfasada e fosilizada. O Estado debe deixar de mirar de reollo o que fan as autonomías no exterior. En Beijing, son varios os estados mexicanos que dispoñen de embaixada propia, e non por iso desmerece a representación federal. En demasiadas ocasións, un ten a impresión de que o Estado das Autonomías non chegou ao servizo exterior español e urxe unha auténtica reformulación neste sentido (cunha lei en fase de proxecto xa) para democratizar e pluralizar este servizo, contemplando mesmo a refundación ou a creación, por que non, de varias escolas diplomáticas e configurando equipos plurais (en departamentos e institucións viradas cara o exterior) do punto de vista autonómico. A diplomacia non pode ser o último reduto político-administrativo do centralismo. As portas do Palacio de Santa Cruz deberían abrirse ás iniciativas das autonomías. O Estado debe renunciar ao monopolio da acción exterior para complementar o seu facer tradicional coa potenciación dos recursos de todo tipo que as autonomías poden ofrecer. Urxe a todos un cambio de mentalidade e un investimento en formación nestas novas coordenadas que fagan da acción exterior un servizo público á altura das necesidades do noso país e do noso tempo, capaz de rendabilizar con intelixencia esa rica diversidade que connota ao Estado, co-xestor dunha complexidade que en si mesma constitúe un valor tan admirable como exportable. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 15/07/2007 |
||||||||
|
||||||||