| Presenza-Opinión |
||||||||
| ¿Declina EEUU? Por Xulio Ríos (ECO, abril/2007) |
||||||||
|
A superpotencia está acosada por múltiples problemas, pero outra cousa é que estea esgotada. Con todo, é innegable que a expansión hexemonista de Washington está nun brete. En Iraq vese obrigado a continuar a guerra, se ben a vitoria en termos militares está dificil. Por outra banda, o proxecto do Gran Oriente Medio rebentou en mil crises, incluíndo a Palestina, Líbano, Israel, etc, sen que se albisquen horizontes de estabilidade a curto prazo. A súa incapacidade para resolver o problema iraniano pode agravar aínda máis esta situación. E a maiores, os esforzos aplicados á loita antiterrorista non derivaron nunha percepción de máis seguridade, nin para os estadounidenses nin para o resto do mundo. En suma, deixando de lado as dificultades que enfrontará Bush cun Congreso controlado pola maioría demócrata, os intentos de evitar a proliferación nuclear, loitar contra o terrorismo, impedir o xurdimento de competidores estratéxicos, consolidar a súa hexemonía mundial a toda costa, son tareas moi dificiles de simultanear con éxito. É verdade que a raíz do 11S, EEUU expandiu a súa influencia no mundo e mellorou notablemente as súas posicións, pero o empeño en facerse invencible sacrificando a propia estabilidade internacional exaltando o seu propio unilateralismo con desatinos coma o ataque preventivo, prexudicaron a súa imaxe no mundo e, ademais, están a revelarse totalmente errados e contraproducentes. Os reveses vanse acumulando. Pero aínda sendo certo todo iso, é cedo para cantar o declinio estadounidense. Os problemas citados supoñen importantes freos de carácter estratéxico que dificultan a súa capacidade de operar globalmente. Pero a súa economía sigue crecendo (3,6% en 2006). En capacidade militar non ten rival e as súas forzas armadas están completando a cartografía global (agora cunha próxima comandancia para África). A dianteira en materia de ciencia e tecnoloxía é prominente (todos os Nobel de ciencia e economía de 2006 foron a mans de estadounidenses). Todos eses atributos indican que ningún outro país poderoso é quen de igualarse hoxe a EEUU. Outra cousa é que teña fácil impedir o xurdimento de outras potencias que van reducir as súas posibilidades de dominar o mundo en exclusiva. Pero, a corto prazo, non é previsible que se produzan cambios fundamentais na correlación de forzas internacionais trala fin da guerra fría (unha superpotencia reinando sobre varios países poderosos con diversas contradicións entre si). A erosión do soño unipolar levará consigo a diminución da súa influencia e fortalecerá a cooperación global. E non será unha mala noticia. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2007 |
||||||||
|
||||||||