| Acción exterior |
||||||||
| Cooperación: a hora local Por Xulio Ríos (Vieiros, 08/05/2007) |
||||||||
|
Nos últimos catro anos aumentou a extensión do compromiso solidario no eido local. Aumentou de forma significativa en termos de entidades asociadas a estas políticas, pero tamén significativamente pouco no que respecta ao compromiso económico. O número de concellos que hoxe están vinculados coas políticas de solidariedade internacional practicamente é o dobre do existente en 2003. Iso foi consecuencia dun arduo e paciente traballo desenvolvido por algunhas ONGDs e, sobre todo, polo Fondo Galego, que hoxe agrupa a entidades que representan a un 70% da poboación do país. O certo é que ninguén se opón a incluír este asunto na axenda pública. Esa mudanza é froito do cambio de actitude social cara a cooperación. Xa non é algo que haxa que disimular porque a poboación “non entende”, senón que se converteu nun sinal de identidade positiva en calquera xestión municipal. As formas de abordar a cooperación internacional dende o mundo local poden ser moitas e non excluíntes entre si. Alguén pode pensar que o mellor é centrarse nas cidades e pasar de todo o demais, é dicir, dos máis de trescentos concellos restantes, porque, en suma, xa que falamos de diñeiro –se só importa iso–, o que poden aportar é pouca cousa. Esa concepción “economicista” da cooperación é sesgada e elude a importancia de fomentar a participación e o compromiso social e a propia idea da cooperación entre nós mesmos, da que tan necesitados estamos en Galicia, tanto nesta como en moitas outras materias. Outra opción pode ser a de diferenciar as cidades, por unha banda, e o resto por outra, que sería agrupado polo Fondo, como entidade aglutinadora. Ese discurso, adobado de conceptos como eficacia, pragmatismo, etc, etc, pode acabar impoñendo unha dinámica excluínte e expresa unha renuncia a que as cidades lideren un proceso que arrastre ás vilas medias e pequenas interesadas na cooperación. Por outra banda, pasa por alto que mesmo no económico, as cantidades aportadas non dan para vertebrar unha cooperación minimamente rigorosa. Nunha sociedade como a galega, tan fragmentada en todos os sentidos, é de especial importancia consolidar os espazos de entendemento e aglutinación para crear non soamente cultura solidaria, senón tamén cultura democrática. A cooperación non é soamente un instrumento para transformar a realidade dos países do Sur (no plano material ou político) senón para asentar entre nós pautas participativas e críticas, das que ninguén, loxicamente, debería estar discriminado, vívase nunha das nosas xigantescas cidades ou nas nosas aldeas de reminiscencias tribais. Seguimos precisando instrumentos que proporcionen cohesión. A cooperación galega está a dar un salto. Os concellos deben acompañalo e non quedarse atrás. Poden facer máis, moitísimo máis. O problema para moitos é como “capitalizalo” ou, como din outros, como “vendelo” se os recursos se transfiren a un fondo común. Deixando de lado que o que máis debería preocupar a todos é a eficacia na loita contra a pobreza, é evidente que no espazo local debe privilexiarse a sensibilización, mentres que para a execución de proxectos cómpre priorizar marcos de cooperación máis amplos, que garantan un acompañamento adecuado de todo o proceso, incluíndo a avaliación do impacto. A cooperación no eido local ten que abordar nos próximos anos e de xeito simultáneo varios retos. Consolidarse como actor, aumentando os recursos propios e multiplicando a súa oferta sensibilizadora e a capacidade de xestión de proxectos. En segundo lugar, a consolidación dun modelo propio baseado nas súas capacidades específicas e singulares e na potenciación do codesenvolvemento como complemento das respostas á presenza inmigratoria. Iso esixe dous reclamos importantes. En primeiro lugar, que os partidos políticos inclúan este tema na súa axenda e limen diferenzas ao respecto. Iso significa que a cooperación debe emerxer como responsabilidade no organigrama municipal e que debe mudar esa percepción que equipara cooperación ao desenvolvemento con prolongación internacional da acción social local ou que contrapón cooperación e axudas aos colectivos de galegos emigrados. A cooperación non é asistencialismo. A cooperación é acción exterior local. E iso lévanos, en segundo lugar, a reiterar unha demanda hai tempo formulada á FEGAMP: a necesidade de que inclúa no seu organigrama unha comisión de acción exterior e cooperación que, sen prexuízo da potenciación do Fondo Galego como axencia municipal para a cooperación internacional, aborde un enfoque integral de todas as políticas relacionadas coa presenza internacional do poder local galego. A asunción efectiva das políticas de cooperación no eido local dependen aínda hoxe das sensibilidades persoais. Dez anos despois da constitución do Fondo Galego é tempo de obxectivar. Lamentablemente, ata o momento, os partidos políticos e os seus respectivos candidatos apenas se teñen pronunciado sobre este asunto. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 09/05/2007 |
||||||||
|
||||||||