Presenza-Opinión / Oriente Medio Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio
Bush e Palestina
Por Xulio Ríos (AGN, 23/07/2007)
 
 

  Mahmud Abbas e Ehud Olmert, clic para aumentar
A conferencia que promove Bush ten o propósito de consolidar a Olmert e a Abbas como interlocutores únicos para a solución do contencioso. A participación de Hamás, como de Siria, Irán, entre outros actores principais da rexión, foi descartada de antemán. Unha conferencia de paz sen “inimigos”? Será difícil que haxa resultados con esas ausencias. (Foto: Mahmud Abbas (esquereda) e Ehud Olmert en Xerusalén o 16 de xullo de 2007).
 
Illado interna e mundialmente pola súa política en Iraq, Bush decidiu saír da tobeira para revivir o estancado proceso de paz en Oriente Medio. Igualiño ca fixeran anteriores presidentes estadounidenses. En consecuencia, haberá unha nova conferencia internacional, a celebrar no próximo outono. O obxectivo, regado con 190 millóns de dólares en axuda humanitaria para consolidar as forzas “moderadas e dialogantes” do pobo palestino, consiste en lograr unha solución que contemple a existencia de dous Estados.

Vai case para un século que os dirixentes árabes falan da creación dunha Palestina independente. Catro dos cinco primeiro ministros israelís, lembra o xornalista Bradley Burston no semanario Haaretz, admiten e aproban esta solución. A comunidade internacional recoñece que o Estado Palestino debe existir. Ata Bush o recoñece, polo que parece. E mil millóns de musulmáns están convencidos diso. Pero o máis probable é que Kosovo sexa Estado antes ca Palestina.

As razóns de tal estado de cousas son moitas: desconfianza das verdadeiras intencións dos palestinos, medo ás consecuencias sociais da evacuación dos colonos de Cisxordania, incumprimento reiterado dos múltiples acordos de paz, a presenza desestabilizadora de extremismos a ambas bandas, etc. O caso é que, sen dúbida, como di o israelí Burston, os palestinos merecen máis do que teñen.

A conferencia que promove Bush ten o propósito de consolidar a Olmert e a Abbas como interlocutores únicos para a solución do contencioso. A participación de Hamás, como de Siria, Irán, entre outros actores principais da rexión, foi descartada de antemán. Unha conferencia de paz sen “inimigos”? Será difícil que haxa resultados con esas ausencias.

Á escasa credibilidade dunha iniciativa con este perfil, cómpre engadir a delicada situación de Abbas, que inflúe pouco e controla cada vez menos. O Washington Post revelou recentemente o contido de varios informes da propia intelixencia estadounidense onde se cuestionaba seriamente a súa capacidade para impoñerse no seo da Autoridade palestina. Hamás, pola contra, afirma o seu poder en Gaza, e consolidase como un rival tenaz e dificilmente marxinable. Aínda que non conferencie con Bush.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/07/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta