| Presenza-Opinión |
||||||||
| As Alemañas de Merkel Por Xulio Ríos (AGN, 25/06/2007) |
||||||||
|
Onde o avance resulta máis lento é na superación da división alemá. Case dúas décadas despois da reunificación, permanece a fenda Este-Oeste. Nos novos Länder do leste, por exemplo, a produtividade non representa máis que o 60% da rexistrada no Oeste. O desemprego permanece en taxas moi altas: 18% fronte ao 9% no Oeste. Incluso en Berlín, a capital federal, o índice é do 17%, tres veces máis que en Munich. O PIB por habitante non supera no Leste o 60% do Oeste, e os salarios son inferiores en máis dunha cuarta parte. Sen dúbida, os elevados custes da unificación pesaron nas dificultades recentes da economía alemá. A volta á senda do crecemento puidera facer pensar que o optimismo anega todo o seu territorio. Pero non é así. As desigualdades persisten, alimentan o desencanto e ratifican esa fronteira invisible que separa a Wessis (habitantes do Oeste) e Ossis (habitantes do Leste). Un dos fenómenos máis preocupantes é a perda de poboación nalgúns Länder. En Mecklembourg-Pomerania occidental, por exemplo, a poboación diminuíu un 15% dende a caída do muro, levando a desertización a rexións enteiras, en especial na fronteira con Polonia. Halle-Neustadt, na Saxe-Anhalt, perdeu case un 40% de poboación. E poderiamos seguir. Os máis novos e mellor formados emigran ao Oeste en busca de mellores oportunidades. No seu lugar queda a nostalxia dun tempo e dun sistema onde o emprego, a vivenda e os servizos sociais estaban asegurados de por vida. A “ostalxia” que din os alemáns está detrás en boa medida do rexurdir dos movementos neonazis que tratan de explotar as frustracións dos sectores de poboación máis vulnerables. A extrema dereita está presente nos parlamentos de tres dos antigos Länder do leste. E todo iso acontece despois de transferir ao Leste cada ano o equivalente ao 4% do PIB co propósito de facilitar unha recuperación económica que, a todas luces, se resiste. Nin para os alemáns é cousa doada. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 24/06/2007 |
||||||||
|
||||||||