| Presenza-Opinión |
||||||||
| Abe en caída libre? Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 12/07/2007) |
||||||||
|
Inmerso no primeiro ano do seu mandato, nos últimos meses, o Executivo que preside debeu afrontar serias dificultades. En decembro, caiu o ministro de Reformas Administrativas, Genichiro Sata, acusado de estar relacionado coa presentación de informes falsos relativos ao financiamento da súa formación política. Despois, o ministro de Sanidade, Hakuo Yanagisawa, foi obxecto de moi duras críticas por calificar as mulleres de “máquinas de parir”. En maio último, suicidouse o ministro de Agricultura, Toshikatsu Marsuoka, presuntamente implicado nun escándalo de corrupción. Hai poucos días, o ministro de Defensa, Fumio Kyuma, xustificaba o lanzamento das bomas atómicas sobre Nagasaki en 1945, erguendo unha nova controversia. Por último, as irregularidades detectadas na contabilidade do sistema de pensións públicas (50 millóns de contas que recibiron menos beneficios dos que lle correspondían) puxeron a guinda ao desaconcerto actual. Cando Abe asumiu o cargo, a súa taxa de aceptación era do 70% e hoxe non chega ao 30%, segundo o periódico Asahi Shimbun. A primeira urxencia de Abe consiste en arranxar o escándalo das pensións. Prorrogou o peche das sesións da Dieta un par de semanas para facer aprobar unha lei que garante aos pensionistas a recuperación do diñeiro perdido. Abe e algúns membros do seu gabinete, incluído o director da Axencia da Seguridade Social, responsabilizáronse do escándalo e prometen resolvelo no prazo dun ano, pero para entón pode que xa non estea no cargo. O Partido Liberal Democrático goberna en coalición co Novo Komeito. En total suman 132 escanos de 242. O 29 de xullo renovarase a metade da Cámara e o mantemento da súa cómoda maioría é a maior incógnita. O Partido Democrático viu medrar, inesperadamente, as súas expectativas. O ambicioso programa de goberno de Abe suxería facer borrón e conta nova co pasado para facer de Xapón un país normal, traducindo no plano político e diplomático internacional a forza da súa economía. Visitas a China, Europa, Asia central, África, etc, concretaban esa aspiración a un cambio de rumbo. A creación en xaneiro pasado do Ministerio de Defensa viña a significar esa saída dunha longa posguerra. O punto clave da súa axenda política é a reforma da actual Constitución, que debe pechar esa etapa e posicionar a Xapón no novo contexto internacional a partir da súa propia experiencia histórica. Temeroso de perder a competencia con China polo liderado rexional, Tokio é consciente da necesidade de complementar a resistencia ao crecente poderío de China cunha política máis ambiciosa que garanta a defensa dos seus intereses estratéxicos. Pero todas esas cábalas perderon protagonismo fronte á dura xestión política do día a día. En calquera caso, sexa cal sexa o resultado destas parciais, o PLD mantería aínda a súa maioría na Cámara Baixa e Abe conserva, polo momento, a confianza do partido, revalidada recentemente polos seus antecesores no cargo, Yoshiro Mori e Junichiro Koizumi. Pero unha derrota gobernamental de certo calado na Cámara Alta podería mesmo levar a Abe a presentar a súa dimisión. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 08/07/2007 |
||||||||
|
||||||||