| Presenza-Opinión / Rusia |
||||||||
| A volta de Rusia Por Xulio Ríos (Xornal, 11/06/2007) |
||||||||
|
A diferenza de épocas recentes, esta Moscova non parece disposta a seguir os pasos doutros países que semellan aceptar o pago dun prezo incriblemente alto para gañarse a simpatía de Washington. É máis, a actual estratexia rusa confirma a súa intención de acoutar un espazo de influencia e reivindicar un papel significado en Europa e no mundo, acorde coa súa dimensión e capacidades. Esa recuperación da posición de gran potencia é a que está espertando reaccións encontradas nos medios occidentais, reverdecendo o ton dunha guerra fría que se ben non retornará, obrigará a EEUU a prestar maior atención aos intereses nacionais de Rusia, so pena dun arrefriamento das relacións bilaterais. Aínda que Putin e o seu goberno sexan partidarios dun reforzamento do papel do Estado e do público en diferentes eidos, falemos de economía, da ciencia, ou no eido social, nada fai pensar nunha recuperación de ideoloxías do pasado, como tampouco nunha volta á era bipolar. Para o Kremlin, a doutrina do unilateralismo fracasou de forma estrepitosa. A guerra de Iraq evidencia que aínda sendo EEUU a primeira potencia económica do mundo, a máis avanzada no eido tecnolóxico e a máis forte no plano militar, non está en condicións de impoñer pola brava a destrución dos réximes que non lle conveñen prescindindo dos instrumentos internacionais universalmente recoñecidos. Os achegamentos de Rusia a China e India, e a vontade de superar as discrepancias cos socios europeos, establecen un marco global máis complexo. A recuperación da vitalidade de Rusia é inseparable das elevadas tarifas mundiais das materias primas que exporta, pero tamén da constatación dunha vontade que reorienta esa bonanza para o desenvolvemento da economía (cunha media de crecemento do 7% nos últimos anos) e a elevación do nivel de vida dos seus cidadáns. Non se trata dun problema de xiros á esquerda no seu discurso, senón de afirmar vectores básicos sen os cales será imposible manter a actual tendencia nin desempeñar un papel activo ba sociedade internacional. A crise demográfica, por exemplo, é dunhas proporcións catastróficas. Rexións esenciais desde o punto de vista económico como Siberia teñen unha poboación de 19 millóns (22 millóns en 1991) e segundo as previsións oficiais, en 2025, de non se inverter a actual tendencia, quedará reducida a 17,5 millóns, un 20% menos que en 1991. O fortalecemento do Estado que promove Putin a nivel interno e internacional é imposible se non se promoven políticas ambiciosas que favorezan a creación de emprego e a recuperación industrial, así como a moderación das desigualdades xeradas polas políticas ultraliberais implementadas a seguir da liquidación da URSS. Bush reiterou en máis dunha ocasión que o sistema de defensa antimísiles que quere implantar en Europa non vai dirixido contra Rusia. En Heiligendamm, Putin ofreceulle unha maneira de demostralo. Washington ten a pelota no seu tellado. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2007 |
||||||||
|
||||||||