| Presenza-Opinión |
||||||||
| A traxedia de Paquistán Por Xulio Ríos (AGN, 02/01/2008) |
||||||||
|
As eleccións do próximo 8 de xaneiro deberían servir para dar un respiro á crise en que vivía inmerso o país dende as eleccións de outubro último, auspiciando unha delicada e complexa estratexia de recambio, pactada coa mediación de Washington, co fin de seguir mantendo baixo control ao islamismo radical, a principal preocupación de todos. A incerteza que se abre agora respecto ao futuro inmediato é enorme, primando como hipótese unha dinámica de consolidación do intervencionismo político das poderosas forzas armadas, inevitablemente aceptado no exterior como mal menor para conter e reprimir aos sectores máis radicais. Non obstante, esta estratexia, esixida por EEUU moi especialmente despois do 11S, é a que levou a esta canella sen saída, cun incremento palpable das simpatías cidadás polos sectores máis intransixentes ante a incapacidade do goberno para proporcionar estabilidade, satisfacer as demandas básicas e mesmo para acoutar o papel daqueles instrumentos (as Madrasas ou escolas coránicas) que foron gañando terreo ás tendencias máis seculares e modernizadoras, mesmo entre a casta militar. Con ou sen uniforme, a estratexia de Musharraf para establecer en Paquistán unha democracia estable ofrecía numerosas sombras, dadas as moitas limitacións que connotaban o proceso, reiteradamente denunciadas polos seus rivais políticos. Agora, sen deixar de ser cuestionado dentro do país e coa natural desconfianza da maior parte da comunidade internacional, o labirinto no que se atopa probablemente conducirá a un novo endurecemento do réxime arredor do poder militar que gañará en proxección política e significación económica a cambio de impedir un agravamento da precariedade actual, unha misión difícil nunha polvoreira onde cada día se disocian máis os intereses da maioría social e as necesidades estratéxicas exteriores que recean ata dos seus máis incondicionais aliados. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 30/12/2007 |
||||||||
|
||||||||