Presenza-Opinión / Balcáns Volver a TitularesVolver a Presenza / Balcáns
A partición de Cosova
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 13/09/2007)
 
 

  Ismail Kadaré; clic para aumentar
O escritor Ismail Kadaré facía recentemente un chamamento á independencia cosovar, apelando á conciencia europea para que non dea marcha atrás nin tolere o retorno á situación anterior a 1999, cando a campaña aérea da OTAN contra Serbia puxo fin ao control de Belgrado sobre esta provincia. Esa negativa á volta atrás é outro dos principios clave da negociación. Os representantes serbios, que tamén o aceptan, só admiten, non obstante, a concesión dunha ampla autonomía.
 
A canella sen saída na que se atopa o futuro de Cosova alenta cada vez con máis forza a hipótese dunha partición. A comunidade albanesa, co decidido apoio da administración Bush, non quer deixar rematar o ano sen proclamar a independencia. Serbia e Rusia manteñen a súa oposición frontal. A inflexibilidade das respectivas posturas nas negociacións retomadas o pasado 30 de agosto en Viena poden abrir camiño a unha alternativa que bota por terra un dos tres principios clave (a integridade territorial no marco das fronteiras actuais) que presidiron ata agora todo o proceso negociador impulsado pola troika (EEUU-UE-Rusia), de xeito que tanto a unión con Albania como a modificación de moitas outras fronteiras na zona devén un escenario tan posible como delicado.

No semanario albanés Shekulli, o escritor Ismail Kadaré facía recentemente un chamamento á independencia cosovar, apelando á conciencia europea para que non dea marcha atrás nin tolere o retorno á situación anterior a 1999, cando a campaña aérea da OTAN contra Serbia puxo fin ao control de Belgrado sobre esta provincia. Esa negativa á volta atrás é outro dos principios clave da negociación. Os representantes serbios, que tamén o aceptan, só admiten, non obstante, a concesión dunha ampla autonomía. Ante a falta de avances, facéndose eco das palabras do representante europeo, o alemán Wolfgang Ischinger, declaracións oficiosas rusas recentes non rexeitaron a hipótese da partición.

O actual bloqueo diplomático (os albaneses soamente queren falar de independencia mentres os serbios a rexeitan de plano e Rusia ameaza co seu veto no Consello de Seguridade da ONU) agravase pola ameaza albanesa de proclamar a independencia de modo unilateral o próximo 28 de novembro, día da bandeira e festa nacional de todos os albaneses dos Balcáns. De entrada, a partición suporía que o norte de Cosova pasaría a Serbia. Aínda así quedarían en territorio cosovar uns 60.000 serbios que viven no sur do país. En Macedonia, os albaneses matinan en organizar referendos sobre a posible adhesión a unha Cosova independente ou ao estado albanés que resulte do proceso. A cuarta parte da poboación macedonia é albanesa. A partición pode ter efectos catastróficos sobre o futuro deste pequeno país. Por outra banda, é impensable que a partición, realizada sobre a base da homoxeneidade étnica, non inflúa nunha redefinición global da fronteiras que vaia máis alá de Serbia e Macedonia, e afectando á propia Albania e mesmo a Montenegro (que conta cun 7% de albaneses).

Os negociadores cosovares, a priori contrarios á hipótese da partición, defenden que non pode haber un cambio nas fronteiras de Cosova sen que se produzan alteracións noutros países, o cal abre un escenario incerto e perigoso. Non soamente se trata dos albaneses que residen noutros estados balcánicos, senón tamén das comunidades serbias que se atopan en idéntica situación, especialmente en Bosnia. A complexidade da fórmula e as súas consecuencias aventuran unha negociación tensa e moi difícil nos próximos meses.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza / Balcáns



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/09/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta