| Acción exterior |
||||||||
| A nova cooperación ao desenvolvemento Por Xulio Ríos (AGN, 17/09/2007) |
||||||||
|
Chegados ao ecuador da lexislatura, é tempo, non obstante, de observar o futuro inmediato. En primeiro lugar, é importante fomentar a participación e o debate cos actores para que o modelo da cooperación galega sexa o máis democrático posible. É sabido que moitos actores son febles, pero hai entidades e persoas que alentaron este compromiso en horas baixas e que dende distintos ambientes poden contribuír a enriquecer a cooperación galega. A Administración, con máis medios, non pode ignorar nin desprezar, inconscientemente, ese factor e, ao contrario, debera apoiarse nel para que o cambio bote raíces na sociedade. Sen menoscabo das competencias de cada quen, cómpre fomentar os espazos institucionais de consenso e diálogo. En segundo lugar, cómpre transcender o Plan Director actual, investindo en futuro e apostando polo fortalecemento do conxunto do sistema, con políticas que á par desa cooperación de escaparate que contribúe a chamar a atención da sociedade e convocar a súa solidariedade, permita dotarnos de estruturas e de persoal competente que faciliten a singularización da cooperación galega, que non só debe actuar de apéndice autonómico da cooperación española, senón dispoñer dun perfil propio que contribúa ao enriquecemento da cooperación europea e universal. Cómpre apostar por un posicionamento internacional que nos vincule directamente a programas e institucións do sistema mundial de axuda facilitando a nosa implicación nos seus proxectos e a presenza nel de cooperantes galegos. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 17/09/2007 |
||||||||
|
||||||||