Presenza-Opinión / Oriente Medio Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio
A guerra contra Irán
Por Xulio Ríos (AGN, 29/01/2007)
 
 

  Sistema ruso mísiles antiaéreos TOR-M1, clic para aumentar
Rusia ven de completar a entrega a Irán duns sistemas de defensa de mísiles Tor-M1, especialmente aptos para derrubar avións e mísiles guiados a baixa altitude.
 
Os indicios apuntan á guerra. Rusia ven de completar a entrega a Irán duns sistemas de defensa de mísiles Tor-M1, especialmente aptos para derrubar avións e mísiles guiados a baixa altitude. EEUU criticou a venda rusa, por valor de mil millóns de dólares, que Tom Casey, viceportavoz do departamento de Estado, cualificou de “mensaxe errada” ás autoridades de Teherán, cando estas “patrocinan o terrorismo e desenvolven armas nucleares en secreto”. Os intereses de Moscova son outros, económicos en primeiro lugar, polo substancioso da operación. O seu volume global de vendas de armas superou xa a EEUU. Por outra banda, o negocio do combustible nuclear con Irán suponlle a Rusia uns 30 millóns de dólares de ingresos anuais. Pero tamén xeopolíticos, pois o entendemento con Irán permítelle manter a influencia no Caspio e Oriente Medio e conter o islamismo no Cáucaso.

Washington insiste en que non pensa en atacar Irán, pero un novo portaavións chegará á zona en semanas e máis soldados se encamiñan cara Iraq, o que fai dubidar das intencións reais de EEUU. É discutible que a venda rusa condicione a decisión de Washington de atacar, aínda que obrigaralle a ser máis prudente e complicará calquera hipótese de ataque aéreo contra as instalacións nucleares de Irán. A semana pasada, a Garda Revolucionaria iniciou novas manobras militares nas que probaron os mísiles de fabricación nacional. Todo son respostas á presión de EEUU, quen acusa a Irán de intervir no caos de Iraq, algo no que Bush debería ter pensado antes de acabar con Sadam. Alén do problema nuclear, o incremento da influencia de Irán en toda a rexión é moi apreciable, tanto que, recentemente, o USA Today acusábao abertamente de estar procurando a hexemonía rexional.

Pese a quen pese, Irán vai seguir adiante co seu programa nuclear. Non se vai render nin ante as sancións nin ante as ameazas. E iso aumenta as probabilidades dun ataque combinado de EEUU e Israel. Unha nova guerra na zona danaría as complexas relacións co mundo árabe, converténdose nunha grave crise internacional. Pero tamén pode confirmar o efémero do imperio estadounidense. A comezos dos noventa, no Golfo, EEUU sentenciou a fin da guerra fría afirmando a súa hexemonía planetaria. Tres lustros despois, na mesma zona, podería perdela.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/01/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta