| Presenza-Opinión |
||||||||
| A democracia inmoral Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 14/06/2007) |
||||||||
|
Non son só as típicas dobre moral ou a corrupción (o pago de subornos por Londres ao príncipe Bandar pola compra de material militar é outro escándalo maiúsculo) as condutas que ensombrecen a democracia; persoas e réximes tan firmemente comprometidos coa defensa da vida e da dignidade humana (desde a UE a ese Vaticano que estes días acollían a visita de Bush), e que gustan de facer declaracións altisonantes, invocando a ética e os valores democráticos como signos desa supremacía civilizatoria que lles da dereito a promover o seu sistema político mesmo a canonazos, que imparten soberbias leccións e leccións de soberbia a todos aqueles que buscan vías propias para construír sistemas acaídos á súa propia singularidade, sentando que o actual é definitivo e que calquera posibilidade de experimentación é e será infrutuosa e acabará condenada pola historia, deben render contas. A deshumanización da política en nome da seguridade leva consigo unha perda de conciencia universal respecto de valores e espazos que considerabamos gañados para sempre. O actual empeoramento da calidade da democracia debería traducirse nunha maior mobilización social fronte a esta execrable forma de cinismo e non na actual rendición cívica. Pensábase que os modelos democráticos suplían as súas carencias no eido social e no ámbito do público cunha forte impregnación de todo o relacionado coa protección dos dereitos e liberdades individuais, que ocupaban unha posición de privilexio respecto dos dereitos colectivos. Podía compensar. Pero a deriva actual confirma un retroceso gravísimo. En Milán, 26 axentes da CIA comezaron a ser xulgados “en ausencia”. Un tribunal acúsaos de secuestrar a un imán exipcio, Abu Omar, que foi vítima dos cárceres secretos. Non hai secreto nin razón de Estado posible que poida evitar o coñecemento público destes feitos. E a magnitude do escándalo é de tal calibre que non debería quedar sen o encausamento de moitos líderes. É imaxinable o escándalo que se orquestraría se fosen os servizos secretos rusos, chineses ou de calquera outro réxime “non conveniente”, os involucrados nestas operacións. Os desmentidos oficiais de gobernos como o alemán, romanés ou polaco (da Polonia do reconvertido Kwasnewski e de tanta febre ultracatólica), contrastan co asentimento doutros coma o canadense. Os réximes do antigo socialismo real pagan un prezo incriblemente alto para gañarse as simpatías e o favor da Casa Branca. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2007 |
||||||||
|
||||||||