Presenza-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Nacionalismos occidentais / Nacionalismos occidentais
A agonía belga
Por Xulio Ríos (AGN, 13/11/2007)
 
 

  Yves Laterne; clic para aumentar
As reivindicacións secesionistas de Bruxelles-Hal-Vilvorde, cualificadas de obsesión política polos francófonos, erguen un valado dificilmente salvable para establecer a coalición entre liberais e demócrata-cristiáns que Yves Laterne (na foto), o primeiro ministro, preocupado por garantir a supervivencia da coalición, persegue aínda con escasas posibilidades de compromiso.
 
O futuro de Bélxica como Estado está de novo en horas baixas. Despois de máis de 150 días de crise política, o período máis longo da súa historia cun goberno en funcións, agrávanse as tensións entre flamengos e valóns que non amosan intención algunha de ceder. Dende as eleccións do pasado 10 de xuño, os vencedores dos comicios non logran poñerse de acordo para a formación do novo gabinete. O pasado día 7, na comisión de Asuntos Interiores do Parlamento belga, os flamengos votaron unilateralmente a escisión dun dos barrios da capital para anexionalo a Flandes, decisión contestada polos valóns e denunciada como liquidacionista daquel equilibrio que presidía as relacións entre as dúas comunidades. No fondo, as reivindicacións secesionistas de Bruxelles-Hal-Vilvorde, cualificadas de obsesión política polos francófonos, erguen un valado dificilmente salvable para establecer a coalición entre liberais e demócrata-cristiáns que Yves Laterne, o primeiro ministro, preocupado por garantir a supervivencia da coalición, persegue aínda con escasas posibilidades de compromiso. Mesmo alentando unha nova reforma institucional, o marco belga actual semella ter os días contados.

Chegou ao seu fin a Bélxica “artificial” da que xa falaba o flamengo Henri Conscience a mediados do século XIX? O que nun principio se formulara como un problema cultural ou lingüístico acabou sendo un problema nacional que se foi capeando coa rexionalización das comunidades e a plasmación dun federalismo unitario que agora quedou soterrado, como recoñecía o xornal Le Soir o pasado xoves, en virtude da alianza conxuntural entre demócratas e neofascistas nas filas flamengas, precipitando o país nunha crise de resultado incerto. Que virá agora? Confederación? Un agregado de micro-estados? Ninguén sabe. Os francófonos reivindican a súa disposición ao diálogo fronte á violencia verbal dos deputados flamengos que, á súa vez, desmenten a existencia dun verdadeiro diálogo e defenden o simbolismo da medida, neste caso, claramente dinamitadora.

A ruptura do consenso político a nivel federal agrava a crise belga. A proposta de crear unha comisión encargada de pensar o futuro coa mirada posta nas eleccións rexionais de 2009 podería abrirse camiño, pero moito terán que mudar as cousas para que daquela poida resucitar o espírito do federalismo cooperativo que asentou modernamente o sistema político belga, hoxe agonizante.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Nacionalismos occidentais



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/11/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta