| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| E agora Irán Por Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 08/03/2007) |
||||||||
|
A BBC revelou que os plans dos EEUU van moito máis alá dun ataque ás áreas nucleares e que inclúen incursións aéreas contra a maioría das infraestruturas militares iranias. Alguén tan cualificado como Zbigniew Brzezinsky, que foi conselleiro nacional de Seguridade de Carter, ve moi posible que se estean procurando xustificacións para atacar Irán, atribuíndolle responsabilidades reais ou inventadas, incluído algún acto terrorista en territorio de EEUU. O senador republicano Ron Paul foi moi duro con Bush e o Congreso, acusándoos de distraer aos cidadáns con envíos de máis tropas a Iraq ou con programas de postos de traballo neste país mentres se preparan ataques contra Irán, sen ningunha xustificación, cando se sabe –dixo– que nin vai invadir ningún país veciño, nin os EEUU poden temer o seu poderío militar, nin vai ter armas nucleares antes de dez anos. E sinalou que lle preocupa un incidente amañado tipo golfo de Tonkin para que a sociedade estime xustificado un ataque. As consecuencias dunha acción militar contra Irán, en parte, son insospeitables. Pero non hai menor dúbida de que vai responder a calquera agresión, non só atacando as tropas de ocupación en Iraq, que pode facelo, senón tamén os intereses americanos en todo o mundo, que tamén pode facelo e de moi diversas maneiras. No Oriente Medio habería máis inestabilidade e no mundo máis terrorismo. E EEUU sería máis vulnerable. Pero Bush non parece nin oír nin escoitar, senón que vai seguir cara adiante na súa particular guerra contra o terror –que agora xa vai collendo forma de guerra contra o seu propio país. Realmente pensará, como din algúns, que desta maneira vai conseguir que a sociedade e o mundo esquezan un pouco a desfeita de Iraq? Non estrañaría que algo tan primario estea presente nunha mentalidade como a súa e nas das catro ou cinco persoas que ten á súa beira, non moi diferentes. |
||||||||
|
Xosé Luís Franco Grande é escritor. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 25/03/2007 |
||||||||
|
||||||||