Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
Que futuro para o Sáhara?
Por Roberto Mansilla Blanco (A Nosa Terra, 03/05/2007)
 
 

  Protesta en Madrid pola autodeterminación no Sáhara, clic para aumentar
O xogo xeopolítico semella escapar das pretensións saharauís de solucionar o seu problema por medio dun referendo. Coa iniciativa presentada ante a ONU, Marrocos parte con ventaxa. Isto podería obrigar definitivamente ao Polisario a retomar a loita armada como único medio de presión. (Protesta en Madrid pola autodeterminación do pobo saharauí o 21 de abril de 2007).
 
Cada un pola súa banda, nos derradeiros dous meses tanto Marrocos como a Fronte Polisario reiniciaron unha activa fase diplomática destinada a concretar unha solución definitiva ao problema da autodeterminación do territorio saharauí.

Pero a conxuntura internacional actual é diferente, tomando en conta que o fracaso das propostas anteriores por parte da ONU, principalmente simbolizadas nos plans Baker I e II, obriga a abrir novos canais de negociación... ou de enfrontamento.

O reino marroquí adianta unha audaz estratexia política desde marzo pasado, con visitas a París, Madrid e Washington, para defender o plan presentado a finais de abril ante a ONU, denominado “Iniciativa para a Negociación dun Estatuto para a Rexión do Sáhara”.

Esta iniciativa contempla determinadas concesións en materia económica e social a unha “autoridade saharauí” nomeada directamente polo “Consello Real Consultivo para os Asuntos Saharauís”, órgano asesor do rei Mohammed VI. Polo tanto, reforza a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental sen contemplar a lexítima celebración dun referendo de autodeterminación.

Obviamente, a Fronte Polisario e os órganos da República Árabe Saharauí Democrática rexeitaron esta iniciativa, ofrecendo unha nova oferta ante a ONU en paralelo ao plan marroquí. A súa oferta contempla case todos os puntos expostos no Plan Baker II sobre a necesidade de celebrar un referendo como único mecanismo de solución da crise. Esta fórmula foi lexitimada durante unha votación en decembro pasado na Asemblea Xeral da ONU.

Pero a discusión sobre o problema saharauí salta actualmente á palestra da atención mundial nun momento sumamente delicado para o Magreb, implicando aos dous principais actores externos relacionados co asunto saharauí: España e Alxeria. Neste sentido, a diplomacia española se reactivou a dúas bandas: Zapatero en Rabat e o rei Juan Carlos I en Alxer, a fin de equilibrar as posicións rexionais sobre o problema saharauí.

Pero os recentes atentados de Al Qaeda en Casablanca e Alxer poden mudar substancialmente a situación. Marrocos e Alxeria tentarían incluírse nun marco de cooperación rexional antiterrorista no Magreb que podería aparcar parcialmente as discusións sobre o problema saharauí.

Outra temática ten que ver co anuncio por parte do Polisario da posible reactivación da loita armada contra Marrocos, que podería complicar o panorama xeopolítico no Magreb.

Marrocos conta co total apoio de EEUU, Francia e España, principalmente tralo asinamento en marzo pasado dun amplo acordo pesqueiro coa Unión Europea que coloca ao Sáhara Occidental baixo soberanía marroquí á hora de explotar os seus recursos petroleiros e pesqueiros.

Pola súa banda, o repentino rearme de Alxeria, co apoio ruso, tenta consolidar a este país como a potencia militar do Magreb, mudando o equilibrio militar na rexión, elemento que, indirectamente, podería favorecer ao Polisario e que coloca a Marrocos en estado de alerta.

Pero o xogo xeopolítico semella escapar das pretensións saharauís de solucionar o seu problema por medio dun referendo. Coa iniciativa presentada ante a ONU, Marrocos parte con ventaxa. Isto podería obrigar definitivamente ao Polisario a retomar a loita armada como único medio de presión.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta