| Presenza-Opinión |
||||||||
| Os dilemas de Marrocos Por Roberto Mansilla (Xornal, 14/09/2007) |
||||||||
|
Esta percepción social cara o seu sistema político non ofrece unha perspectiva plausible na necesaria democratización de Marrocos. A elevada abstención supón unha dura mensaxe á elite no poder respecto á necesidade de conservar os actuais mecanismos electorais como os mais proclives para afondar no proceso de democratización. Diversos partidos políticos que denuncian a ilexitimidade do sistema, tales como o ilegalizado e islamita Movemento Xustiza e Caridade (MXC) e outros partidos republicanos e de esquerda radical, tiveron éxito nos seus chamamentos á abstención e ao boicot. Estes chamamentos tiveron impacto social ante a represión oficial cara xornalistas e o peche de medios de comunicación críticos co réxime. Tomando en conta o nivel de abstención electoral, estes partidos antisistema se anotaron un claro triunfo nas súas denuncias de fraude e corrupción electoral. A abstención como referencia electoral e política e as presións cara a reforma do sistema afrontan un segundo escenario, definido tralos resultados electorais. A supremacía parlamentaria do conservador e nacionalista partido Istiqlal (Independencia en árabe), deberá sopesarse coa conformación dun goberno de coalición multipartito, coa inclusión de catro formacións políticas: a Unión de Forzas Socialistas Populares (USFP, esquerda); o Partido do Progreso e o Socialismo (PPS, esquerda); o Movemento Popular (MP, centro-dereita); a Unión Nacional de Independentes (RNI, centrista). Este novo poder lexislativo, non moi diferente do elixido no 2002, sumará 187 deputados, un 80% do parlamento marroquí ata o 2012, limitando calquera tentativa reformista do sistema e reforzando o poder do monarca Mohammed VI, verdadeiro árbitro da política marroquí. Nas mans do rei Mohammed VI estará a conformación dun futuro goberno que podería ter como primeiro ministro ou ben a Abbas El Fassi, secretario xeral do Istiqlal, ou a Fuad Alí El Himma, ex ministro do Interior, defenestrado en agosto pasado pero que conserva as súas cartas políticas por ser o home de confianza do monarca. Un terceiro escenario apunta ao resultado electoral obtido polo islamita Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (PXD), considerado o favorito para gañar as eleccións e que, coa actual conformación do Parlamento, será o principal partido de oposición ata o 2012. Resulta claro que a abstención electoral e o boicot dos partidos antisistema restaron votos e presenza parlamentaria ao PXD, cun programa que estipulaba a adopción de determinadas reformas para propiciar unha apertura democrática. Cun 80% do parlamento favorecendo o goberno de coalición do Istiqlal, o PXD asume o resultado como unha derrota importante, tomando en conta que unha gran parte do electorado “islamita” e relixioso preferiu optar pola abstención como mecanismo de protesta, ligando as súas demandas ás do MXC e outros partidos antisistema e criticando ao PXD pola súa “legalización” dentro do actual sistema político marroquí. Limitado na supremacía do discurso relixioso e islamita en Marrocos, cunha expresión case monopolizada pola figura do monarca Mohammed VI como “Comendador dos Crentes”, e actualmente confrontado por outros movementos como o MXC, o programa reformista do PXD deberá nivelarse coas demandas sociais de transformación do sistema e a conformación dun goberno multipartito pero conservador. Paralelamente, o rei Mohammed VI, reforzado no exterior polo apoio europeo e estadounidense, terá nas súas mans as cartas necesarias para conformar un novo goberno en Rabat. Pero a elevada abstención e o descontento e fragmentación do electorado restan lexitimidade ás súas promesas de “apertura democrática” iniciadas en 1999, trala morte do seu pai, Hassan II. Incluso, o monarca marroquí chegou a ameazar con penalizacións xurídicas aos que criticaran o proceso electoral. Sen cambios políticos en Rabat, os resultados electorais do 7 de setembro seguramente favorecen a Mohammed VI e a elite administrativa pero, con toda probabilidade, prexudicarán á sociedade marroquí, cun dilema resumido en aceptar a orde establecida ou virar cara outras alternativas. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 17/09/2007 |
||||||||
|
||||||||