Presenza-Opinión / Rusia Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia
O enigma Ieltsin
Por Roberto Mansilla (Xornal, 24/04/2007)
 
 

  Boris Ieltsin nun concerto en Rostov, clic para aumentar
Desgastado por unha saúde severamente afectada polos excesos e o alcohol, os derradeiros anos de Ieltsin no poder iniciaron unha frenética carreira pola busca dun sucesor para o “zar” postsoviético, que permitira manter o seu legado, balancear o poder dos “oligarcas” e afastar á persecución xudicial na súa contra polas acusacións de corrupción e nepotismo. (Na foto, un exaltado Ieltsin en pleno baile electoral, durante a campaña para as presidenciais de 1996).
 
Dende a perspectiva histórica, resultará difícil definir a Boris Ieltsin. Unha sucinta aproximación mostrará ao líder político que desmantelou a ex URSS e selou os primeiros pasos da Rusia post-soviética, fraguados dentro dun marcado sentido arbitrario e informal sobre o uso do poder.

A frivolidade e a contradición semellaron formar parte non só do seu carácter senón da súa forma de facer política. Home prolífico en xestos e actitudes antiprotocolarias, a “democracia” que Ieltsin asentou na Rusia postsoviética foi máis un útil argumento que unha firme convicción.

Nas retinas dos espectadores quedará aquela mítica imaxe de Ieltsin de agosto de 1991, montado sobre un tanque militar para defender ao Parlamento, chamando á “desobediencia civil” contra o fracasado golpe que a “liña dura” soviética tentara aplicar cara o presidente soviético Mikhail Gorbachov.

Este xesto, que elevara sentimentos de simpatía e respecto cara a súa persoa, deu paso a un presidente que non dubidou en bombardear ese mesmo Parlamento apenas dous anos despois, unha vez os lexisladores opositores aprobaron a limitación dos seus poderes presidenciais. Neste ataque morreron 150 persoas, entre deputados e soldados simpatizantes do ministerio do Interior, simpatizantes cos líderes opositores.

Tampouco se debe esquecer que con Ieltsin no poder comezaron as dúas guerras en Chechenia (1994-1996 e 1999 ata agora) , un interminable conflito que marcou poderosamente á sociedade rusa contemporánea, tanto como a irresolución de diversos conflitos étnicos e territoriais no espazo euroasiático ex soviético.

Gobernando case por decreto, aínda que reelixido nas eleccións de 1996, Ieltsin ofreceu practicamente un uso “zarista” do poder, perfectamente consolidado por unha nova elite, os denominados “oligarcas”, sucesores da nomenklatura soviética e cuxo impacto segue a ser decisivo na Rusia actual.

A Rusia postsoviética de Ieltsin deu paso a unha democracia sui generis, sostida con alfileres dende Occidente, do mesmo xeito que as súas constantes crises de saúde constituíron un “asunto de Estado” tanto en Moscova como en Washington, Berlín, París ou Bruxelas. Sobre a súa delicada saúde, cuxos achaques e rumores incluso superaron á realidade nacional, os muros do Kremlin foron mudos testemuños dos excesos dun presidente tan afeccionado aos vicios como ás frivolidades do poder.

Polo tanto, vistos dende Occidente e Rusia, existen dous percepcións distintas sobre a figura de Boris Ieltsin. Os seus aliados occidentais celebraron o seu talante “demócrata”, perdoando as súas irreverencias de carácter, e demostrando cómo Ieltsin constituía o verdadeiro aval occidental na configuración dunha Rusia debilitada e domesticada.

Esa supeditación a Occidente, ampliada dramaticamente na economía e nas finanzas rusas, foi unha das claves que explican a perda de influenza da diplomacia rusa no mundo da postguerra fría. Este proceso confirmouse co achegamento de Ieltsin cara a OTAN e a Unión Europea, medidas que contaron cunha forte oposición en diversas capas sociais e estamentos de poder en Rusia.

Desgastado por unha saúde severamente afectada polos excesos e o alcohol, os derradeiros anos de Ieltsin no poder iniciaron unha frenética carreira na busca dun sucesor para o “zar” postsoviético, que permitira manter o seu legado, balancear o poder dos “oligarcas” e afastar a persecución xudicial na súa contra polas acusacións de corrupción e nepotismo.

A lista de “sucesores” de Ieltsin foi ampla e variada, desde oligarcas, ex militares e ex vicepresidentes ata unha variedade de primeiros ministros que desembocaron nun descoñecido e escuro candidato, Vladímir Putin, un ex axente da KGB a quen Ieltsin observou como o seu “sucesor” ideal.

Ao mellor estilo zarista e soviético, Ieltsin traspasou no 2000 a totalidade dos poderes a un Putin que non tardou en configurar unha Rusia a súa medida, dentro dun estilo personalista e autócrata afincado por novos e obedientes oligarcas. Con todos estes elementos, Putin garantiu durante todos estes anos a inmunidade xudicial e política cara un Ieltsin visiblemente desaparecido da escena.

A morte de Boris Ieltsin rematou unha convulsa etapa histórica para Rusia, que ten a súa continuidade con Putin como o novo “zar” do Kremlin. Para a posterioridade quedarán unha serie de irreverentes e caricaturescos xestos que identifican simbolicamente o que foron Ieltsin e a súa surrealista presidencia.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/04/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta