Presenza-Opinión / Rusia Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia
O círculo de Putin
Por Roberto Mansilla (Xornal, 11/10/2007)
 
 

  Viktor Cherkésov e Vladimir Putin; clic para aumentar
Para ninguén resulta un secreto cal é o tipo de sistema que Putin logrou consolidar en Rusia: unha especie de autocracia democraticamente elixida, sostida por grandes grupos de poder. O que resulta inquietante son as consecuencias dese sistema e a posibilidade dunha anarquía motivada polas “loitas intestinas”, que poidan dar paso a unha ditadura militar. (Foto: O xeneral Viktor Cherkésov, á esquerda, xunto ao presidente Vladímir Putin, durante unha sesión no Kremlin).
 
Unha inédita revelación realizada polo xeneral Viktor Cherkésov, xefe do Servizo Federal de Control de Estupefacientes ao diario Kommersant, indica que a casta dos servizos de seguridade que actualmente goberna o Estado ruso está enfrontada nunha guerra intestina que pode levar a Rusia polo camiño das “peores ditaduras latinoamericanas”.

Cherkésov, ex xefe dos órganos de seguridade de San Petersburgo, denunciou neste diario os abusos de poder da elite en torno aos servizos de seguridade que, na súa opinión, constitúe a principal baza de poder da Rusia de Vladímir Putin. Cherkésov denomina a estes grupos “castas” ou “corporacións”, conformadas por unha elite de funcionarios e profesionais dos servizos de seguridade.

A revelación acontece nunha situación moi particular para Putin e Rusia. Nomeado o actual primeiro ministro Viktor Zubkov como o seu hipotético sucesor político para as presidenciais de marzo de 2008, o presidente ruso tenta asegurar o seu poder e o sistema instaurado postulándose na primeira lista electoral do seu partido, para seguir influindo nos destinos do país alén do 2012 e, posiblemente, volver ao poder pola vía electoral.

Quizás o mais revelador do artigo publicado por Cherkésov estriba na importancia que lle outorga aos servizos de seguridade non só como elite do poder actual en Moscova senón no mantemento da estabilidade estatal. Velaí que resulte unha inquietante realidade o feito de que estes grupos estean iniciando unha loita intestina de poder no Kremlin (algo que polo demais non é alleo á historia rusa) unha vez se certifique a saída de Putin do poder.

A fin de superar a inestabilidade e a desorde da primeira etapa post-soviética dos anos noventa, a Rusia de Putin afincou este sistema de “castas” ou “corporacións”, principalmente baseados nunha elite de funcionarios pertencentes aos servizos de seguridade ex soviéticos, e que penetran en todos os resortes do poder, principalmente empresariais, petroleiros e militares.

A “realpolitk” de Putin logra manter en situación de estabilidade o funcionamento do Estado “corporativo”, dominado por unha nova clase de “oligarcas”, permitindo unha moderada apertura política e informativa cara unha sociedade civil que atopa cada vez mais dificultades para ascender no plano político e satisfacer as súas demandas. O sistema de liberdades democráticas e os dereitos humanos resultan seriamente ameazados polo poder destas “castas corporativas”.

Sen especular sobre posibles intereses políticos ou electoralistas, as revelacións de Cherkésov coinciden coa conmemoración do primeiro aniversario do asasinato da xornalista independente Anna Politovskaia, detractora da política de Putin en Chechenia, así como coa publicación dun novo libro sobre a implicación dos servizos de seguridade do Kremlin no asasinato do ex espía Viktor Litvinenko. Tamén resulta notorio o actual proceso histórico revisionista, no que a historiografía oficial rusa tenta reivindicar a figura de Iosif Stalin e diversas pasaxes da “historia patria” soviética, a fin de fomentar o “orgullo nacional”.

Para ninguén resulta un segredo cal é o tipo de sistema que Putin logrou consolidar en Rusia: unha especie de autocracia democraticamente elixida, sostida por grandes grupos de poder de carácter oligárquico, vinculado a poderosos sectores militares e empresariais. O que resulta inquietante son as consecuencias dese sistema e a posibilidade de que as “loitas intestinas” poidan dar paso a unha ditadura militar.

Velaí que Putin tentará descifrarnos cales son as claves reais da estrutura de poder de Rusia e en qué medida Occidente e o mundo deberán entender cara onde camiña ese país. Enigma que o presidente francés Nicolás Sarkozy tenta descifrar coa súa recente visita a Putin en Moscova e a apertura dunha “nova relación”, baseada en imperativos enerxéticos.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/10/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta