| Presenza-Opinión |
||||||||
| Cuestión de modelos? Por Roberto Mansilla (Xornal, 29/09/2007) |
||||||||
|
Os debates, que trataron principalmente sobre a democracia e os procesos políticos latinoamericanos, a súa xeopolítica e modelos de integración e o ascenso do indixenismo e de novos actores sociopolíticos, ofreceron diversas críticas e perspectivas sobre a realidade dun continente que cambia a diversos ritmos, cara vías e procesos multidireccionais. Resulta común falar de modelos para América Latina, principalmente desde a perspectiva esóxena. Os casos mais significativos foron a referencia cepalista de substitución de importacións na década dos sesenta do século pasado, pasando por particulares procesos de nacionalismos, revolucións, populismos e adopción de modelos neoliberais contidos no chamado “consenso de Washington” desde a década dos noventa. Non obstante, existen razóns para pensar que esta realidade semella estar mudando nos recentes anos. Os países latinoamericanos comezan a observarse cos seus propios ollos, baixo as súas propias perspectivas e realidades, cos seus particulares esquemas de pensamento e acción. Non semellan querer copiar modelos ou permitir que se llos impoñan. Prefiren construír no camiño, aprender dos seus propios erros e avanzar cos seus propios acertos. É frecuente puntualizar, desde o razoamento xeopolítico, que existe un pulso particular entre dous modelos endóxenos no continente latinoamericano. Este pulso parece identificar dous modelos de desenvolvemento e integración entre Chávez e Lula e entre Venezuela e Brasil. Qué dubida cabe que ambos son os líderes políticos latinoamericanos que maior énfase outorgan á proxección exterior das súas ideas e modelos de integración. Pero América Latina é mais que Chávez e Lula. Novos actores sociais e políticos, especialmente desde as poboacións aborixes e indíxenas, reclaman a ampliación dos seus espazos de participación política, económica e cidadán. Conscientes da necesidade de afondar na democracia social, ábrese unha nova perspectiva de relación entre o Estado e a sociedade civil e os seus referentes de desenvolvemento económico e social, con diversos matices e complexidades. Deste xeito, a integración latinoamericana comeza a formularse desde a idea do desenvolvemento común e autóctono como elemento necesario para que os seus países avancen na construción dun mundo multipolar e equitativo. Nesta dirección, a tradicional preponderancia estadounidense comezou a minguar na súa influencia, explicada por unha repentina viraxe nos procesos políticos, a concreción de sistemas autóctonos de integración e a case imperiosa necesidade de ofrecer unha visión mais en conxunto, mirando tamén cara outro escenarios como Asia, Oriente Medio e África. Con múltiples variantes e numerosos obstáculos, América Latina desenvolve as súas propias perspectivas, ferramentas e inquietudes. Non é tanto cuestión de modelos senón de ideas e sensibilidades propias. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 03/10/2007 |
||||||||
|
||||||||