Presenza-Opinión / Balcáns Volver a TitularesVolver a Presenza / Balcáns
Bush e Cosova
Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 13/06/2007)
 
 

  Baño de multitudes de Bush en Tirana, clic para aumentar
Nos seus sete anos de presidencia, nunca antes Bush fixera algunha referencia directa e tan frontal sobre o asunto cosovar, pero o momento actual semella oportuno para o mandatario estadounidense. Sabedor do proamericanismo existente en Europa do Leste e do activo lobby albanés en EEUU, Bush alentou na súa xira por países como Polonia, República Checa, Albania e Bulgaria, o fomento dunha posición común no escudo antimísiles e a independencia cosovar. (Foto: Bush é aclamado pola multitud na súa visita a Albania. Aínda leva o reloxo).
 
Os medios informativos veñen reflectindo como noticia da xira de George W. Bush por Albania, a curiosa perda do seu reloxo presidencial nun momento en que o mandatario estadounidense saudaba a diversas persoas congregadas na vila de Fushe Krunje.

Oficialmente, os gobernos albanés e estadounidense informaron que esta “sensible” perda non foi un “roubo” senón unha “casualidade”. Incluso a Casa Branca chegou a negar esta “perda”. Non obstante, e salvando as perspectivas metafóricas e irónicas, este asunto semella reflectir a sensación real da diplomacia do actual presidente estadounidense.

Porque en Albania, Bush puido máis ben perder o sentido do tempo. Ao pedir a “pronta independencia de Cosova”, o mandatario estadounidense ignora que o estatuto definitivo da oficialmente recoñecida “provincia autónoma serbia” de maioría albanesa provocou unha forte discrepancia entre EEUU, Europa e Rusia no pasado cumio do G-8 en Heiligenndamm.

Tal como se viu no G-8, co tema de Cosova está aflorando outro escenario de discrepancia transatlántica, cun impacto similar ao polémico escudo antimísiles que Washington espera instalar en Polonia e República Checa e que fai resucitar os tempos da “guerra fría” entre EEUU e Rusia.

Como colofón desta declaración tan unilateral como imprudente, Bush instou a Serbia a “aceptar a independencia de Cosova”, a cambio dunha oferta de “mellora nas relacións bilaterais” e o apoio de Washington á admisión serbia na UE.

Nos seus sete anos de presidencia, nunca antes Bush fixera algunha referencia directa e tan frontal sobre o asunto cosovar, pero o momento actual semella oportuno para o mandatario estadounidense. Sabedor do proamericanismo existente en Europa do Leste e do activo lobby albanés en EEUU, Bush alentou na súa xira por países como Polonia, República Checa, Albania e Bulgaria, o fomento dunha posición común no escudo antimísiles e a independencia cosovar.

En vésperas da resolución definitiva da ONU sobre o estatuto cosovar e a máis que presumible independencia desta provincia de maioría albanesa, está por ver se a declaración de Bush non terá un efecto similar ao apoio que os gobernos de Alemaña, Austria e o Vaticano expresaron en 1991 respecto á independencia de Croacia e Eslovenia da ex Iugoslavia, afondando unha situación crítica que permitiu espallar a guerra nos Balcáns.

Rusia e Serbia seguen a manter a súa posición negativa á independencia de Cosova, contando co apoio chinés. O presidente francés Nicolás Sarkozy pediu un retraso de seis meses na adopción dunha resolución definitiva, a fin de superar as discrepancias transatlánticas. A chanceler alemá Ánxela Merkel e varios gobernos de Europa do Leste apoian a tese de Bush de “acelerar” a independencia de Cosova.

En Serbia, o ultranacionalista Partido Radical Serbio estivo a piques de entrar no goberno ao tempo que aumenta a súa popularidade, en gran medida recollendo a frustración social polo apoio occidental á independencia cosovar e os altibaixos nas negociacións de admisión entre a UE e Serbia.

Sen dubidar ou esquecer as lexítimas aspiracións independentistas dos albano-cosovares, un Cosova independente podería espallar as tensións étnicas e nacionais na rexión balcánica e serviría de referencia cara as minorías albanesas en Macedonia e Montenegro ou a comunidade serbia en Bosnia-Hercegovina. Fóra dos Balcáns, o caso cosovar tamén sería un referente importante para outros procesos independentistas tan complicados como Chechenia, Transniestria ou o Curdistán.

Pero todo será cuestión de tempo, tan escaso de cara á posible independencia de Cosova. E, sen reloxo na man, pode que Bush estea desorientado.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza / Balcáns



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta