Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A Venezuela “socialista” de Chávez
Por Roberto Mansilla (Xornal, 24/08/2007)
 
 

  Simpatizantes Chávez, clic para aumentar
Definida a estratexia política para a “construción do socialismo” en Venezuela, Chávez esforzarase a curto e mediano prazo en darlle continuidade ao seu proxecto para os próximos decenios, aínda coa posibilidade de perpetuarse no poder. O seu obxectivo confeso é a reestruturación total do Estado e da sociedade venezolana cara un proxecto “socialista e igualitario”, aínda que coñecendo as tensións socioeconómicas internas que este proceso pode levar a cabo. (Foto: Simpatizantes chavistas cunha imaxe do presidente venezolano ás aforas da Asemblea Nacional, o pasado 15 de agosto, durante a presentación da reforma constitucional).
 
Enmarcado nunha nova reforma constitucional que contempla a posibilidade da “reelección indefinida”, a creación dos consellos comunais como substitutos das alcaldías e gobernacións, a creación de novas formas de propiedade e o compromiso de acelerar unha reestruturación total do Estado venezolano, os eixes fundamentais do “socialismo do século XXI” delineados por Hugo Chávez semellan definir un mapa concreto para Venezuela.

A pesar destas definicións, resulta tamén visible que Chávez e o seu modelo seguen a presentar máis incertezas que realidades concretas. A recente presentación ante a Asemblea Nacional desta nova reforma constitucional permite a Chávez deseñar espazos temporais de actuación, concretando que o período clave para a “construción do socialismo” en Venezuela necesitará unha continuidade do seu proxecto no poder para o período 2007-2021.

Velaí que Chávez da por feito que o seu proxecto socialista conta coa lexitimidade electoral, institucional e social necesaria para impulsar estes cambios. A inédita modalidade da “reelección indefinida” ou “continua” no escenario político venezolano confirma a súa vocación de outorgarlle continuidade a este proxecto, aínda sexa preservándose persoalmente no poder.


“Cubanización” ou socialismo de mercado?

Chávez coñece perfectamente a efectividade dos mecanismos electorais para alcanzar a meta da “construción do socialismo”, definindo prazos e estratexias dentro da estrita formalidade institucional que lle permita someter a elección popular á consolidación da revolución socialista e bolivariana.

Con esta premisa, a revolución de Chávez posuirá a necesaria variable da elección popular como a dinámica máis factible de consolidación, afastando hipoteticamente calquera alternativa que contemple a violencia social e política. O proxecto socialista de Chávez espera consolidar os “consellos comunais” como os mecanismos de organización social que afonden na “democracia participativa e protagónica” e suplante a “democracia representativa burguesa”.

Non obstante, este “socialismo bolivariano” segue a deixar amplas interrogantes, e posicións contraditorias, dentro e fóra de Venezuela. Diversos sectores opositores a Chávez aducen temores dunha presunta “cubanización” de Venezuela, así como da asunción dun autoritarismo caudillista e da perpetuación dun socialismo burocrático e totalitario.

Outros sectores, máis simpatizantes coa revolución bolivariana aínda que non menos críticos con esta reforma constitucional, consideran que o proceso venezolano semella mais orientado a unha repetición das experiencias do socialismo de mercado e do capitalismo de Estado que á consecución dunha verdadeira sociedade socialista en Venezuela.

Todas estas percepcións anuncian que Venezuela transitará por escenarios volátiles e indefinidos a curto e mediano prazo. Aínda que resulta indubidable a consolidación sociopolítica do “chavismo”, a incógnita se percibe no relativo ao alcance temporal de Chávez no poder.

Se a reforma constitucional avanza, e todo apunta a que así será, Chávez podería prorrogar o seu mandato alén do 2013, ano no que remataría o seu actual período, de acordo coa Constitución Bolivariana aprobada por referendo popular en 1999.

Algúns altos mandos militares como o xeneral Raúl Baduel e asesores militares de alto prestixio do chavismo como Alberto Müller Rojas, declararon recentemente as súas reservas sobre a “reelección indefinida” presidencial e a conformación do Partido Unificado Socialista de Venezuela.

A creación do PSUV, agora retardada para o 2008, tamén provocou fracturas entre diversos partidos da plataforma electoral chavista, como o Patria Para Todos (PPT), o Partido Comunista e o Movemento ao Socialismo (MAS) que se ben non afectan ao núcleo principal do chavismo, si acaba de conformar unha hipotética variable opositora a Chávez na Asemblea Nacional.

Precisamente, na primeira votación da proposta constitucional de Chávez a semana pasada na Asemblea Nacional, os votos en contra en varios puntos desta reforma foron realizados por varios deputados do PPT e do MAS.


Unha clase empresarial “chavista”

En paralelo ao elevado gasto público en programas sociais e educativos que consolidan a popularidade de Chávez, a bonanza petroleira permitiu o ascenso dunha nova clase empresarial vinculada ao goberno, centrando a súa dinámica de vida nun incremento acelerado do consumo de bens importados.

Algúns membros desta clase empresarial “chavista”, de conformación civil e militar e habilmente instrumentada polo ex vicepresidente e actual gobernador rexional Diosdado Cabello, manifestan un nivel de consumo tan elevado que semellan retornar os tempos da “Venezuela saudita” da década dos setenta do século pasado.

Se o consumo interno aumentou o gasto público en importacións e apuntalou o crecemento económico, tamén están a revelarse diversos casos de corrupción por parte desta elite empresarial, na xerencia dos necesarios programas sociais, coñecidos como “as misións”, soporte social do “chavismo”.

Estes escándalos de corrupción centran actualmente a atención mediática en Venezuela e no exterior, principalmente ante o caso dun empregado de PDVSA, a estatal petroleira venezolana, acusado de realizar pagos ilegais a determinados empresarios arxentinos e membros do goberno de Néstor Kirchner.

Outorgando especial énfase á política exterior, Chávez segue a amosar unha dinámica de proselitismo “antiimperialista” e concretando eixes xeopolíticos con claro valor enerxético, tales como os convenios de integración sudamericana, especialmente con Arxentina e Bolivia, así como a súa recente oferta de enviar petróleo barato para os barrios pobres de Londres.

Afastando a Venezuela da órbita estadounidense, que segue a ser o principal consumidor de petróleo venezolano, Chávez oriéntase cara mecanismos autóctonos de integración, como o ALBA, e á concreción de eixes xeopolíticos en materia enerxética, política e militar con Irán, Rusia e China.

Polo tanto, e definida a estratexia política para a “construción do socialismo” en Venezuela, Chávez esforzarase a curto e mediano prazo en darlle continuidade ao seu proxecto para os próximos decenios, aínda contemolando a posibilidade de perpetuarse no poder. O seu obxectivo confeso é a reestruturación total do Estado e da sociedade venezolana cara un proxecto “socialista e igualitario”, aínda coñecendo as tensións socioeconómicas internas a que este proceso pode dar lugar.

A interrogante está en descifrar cara qué tipo de socialismo conduce Chávez a Venezuela e qué tipo de sistema político, económico e social está nacendo neste país suramericano e caribeño.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/08/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta