Presenza-OpiniónVolver a TitularesVolver a Presenza/Nacionalismos occidentais / Nacionalismos occidentais
A lección de Belfast
Por Roberto Mansilla (Vieiros, 11/05/2007)
 
 

  Martin McGuinness, Ian Paisley, Tony Blair e Bertie Ahren, clic para aumentar
Certificado o desarme e desaparición do IRA e fortalecido pola vitoria electoral do Partido Democrático Unionista, DUP, nas pasadas eleccións lexislativas, o octoxenario Paisley abandonou a súa tradicional negativa a negociar con Adams para aceptar formar un autogoberno xunto un dos seus inimigos mais odiados, o ex líder do IRA, Martin McGuinness. (Na foto, de esquerda a dereita, Martin McGuinness, Ian Paisley, Tony Blair e o primeiro ministro irlandés Bertie Ahren, na cerimonia de apertura do autogoberno de Irlanda do Norte no pazo de Stormont en Belfast).
 
Non existen dúbidas de que sentar a dialogar e formar goberno a dous inimigos irreconciliables como o reverendo protestante, Ian Paisley, e o líder do Sinn Fein, Gerry Adams, constitúe unha audaz viraxe histórica para acadar a paz e a conciliación entre os protestantes e os católicos para Irlanda do Norte.

Como definira o primeiro ministro británico, Tony Blair, o acordo de autogoberno no Ulster “é unha lección para calquera lugar en conflito”. Velaí que a tentación obriga a comparar o proceso norirlandés co conflito en Euskadi, tomando en conta a sincronía histórica entre ETA e o IRA e o Sinn Fein e Batasuna.

En Belfast, o factor decisivo de poder para constituír un autogoberno está nas mans de Ian Paisley. Nun conflito excesivamente marcado polas pautas dirixidas dende Londres, tardáronse catro décadas para convencer ao veterano reverendo protestante, da necesidade de atopar vías de entendemento e convivencia, previo desarme do IRA e integración política do Sinn Fein.

Certificado o desarme e a desaparición do IRA e fortalecido pola vitoria electoral do Partido Democrático Unionista, DUP, nas pasadas eleccións lexislativas, o octoxenario Paisley abandonou a súa tradicional negativa a negociar con Adams para aceptar formar un autogoberno xunto a un dos seus inimigos máis odiados, o ex líder do IRA, Martin McGuinness.

Sen a presenza armada do IRA, Paisley deberá agora completar a pacificación coa desarticulación dos paramilitares unionistas da Forza Leal Voluntaria, así como moderar calquera desviación extrema do DUP, a fin de evitar a renovación das tensións relixiosas e a frustración social.

Tanto como a labor de Gerry Adams e Ian Paisley, cómpre recoñecer que gran parte deste paso histórico en Belfast foi obra de líderes como Tony Blair, o primeiro ministro irlandés Bertie Ahren e os políticos norirlandeses John Hume e David Trimble.

No caso de Blair, o seu mais enérxico impulsor desde que chegara a Downing Street en 1997, este autogoberno pacífico en Irlanda do Norte constitúe un pequeno grao de satisfacción á súa agrea e polémica despedida gobernamental, que deixa un legado envelenado polo seu apoio á guerra en Iraq, ao unilateralismo estadounidense, ao fracaso da “Terceira Vía” e, como remate, aos recentes escándalos de venda de títulos nobiliarios.

Resulta tamén significativo que a devolución do autogoberno en Belfast ocorre case paralelo ao ascenso do Partido Nacionalista Escocés nas eleccións lexislativas da semana pasada en Escocia, así como á consolidación electoral do partido nacionalista Plaid Cymru nas lexislativas celebradas tamén en Gales.

A posibilidade de celebrar no 2010 un referendo independentista en Escocia confirmaría o avance do proceso político de autogoberno no Reino Unido, iniciado en 1997 baixo o nome de “Devolution”, tamén impulsado por Blair.

Con isto, unha nova era se anuncia no Reino Unido. Pacificación e autogoberno en Belfast, avance nacionalista en Escocia e Gales e fin da “era Blair” en Londres. Así e todo, ¿constitúe unha referencia exacta para outros nacionalismos periféricos europeos, como Bretaña, Córsega, Flandres, Euskadi, Cataluña e Galicia?

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Nacionalismos occidentais



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/05/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta