Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia/ Asia
A ameaza paquistaní
Por Roberto Mansilla Blanco (Vieiros, 13/07/2007)
 
 

  Asedio á Mesquita Vermella, clic para aumentar
O sanguento ataque á Mesquita Vermella pode revelar un escenario contrario aos intereses occidentais, colocando a Paquistán como o verdadeiro centro de preocupación e de inestabilidade global incluso superando ás inquietudes cara o ascenso iraniano ou a crise que se vive en Oriente Medio. Paquistán e a rexión centroasiática pode ser a pólvora inesperada para Occidente. (Foto: Islamabad, 06/07/2007. Soldados paquistanís levan a varios estudantes rescatados da Mesquita Vermella, tapando os seu ollos).
 
A brutal represión militar ordenada polo presidente paquistaní, Pervez Musharraf, contra as forzas integristas na “Mesquita Vermella” de Islamabad, confirma a crítica situación que está a vivir Paquistán, un estratéxico aliado occidental na guerra contra o terrorismo, única nación musulmán con armamento nuclear que se atopa fraccionada política e territorialmente baixo o risco de “talibanización”.

Este asalto á Mesquita Vermella, cun impacto que lembrou levemente ao realizado en Perú na embaixada xaponesa tomada por militantes da guerrilla en 1997 e a toma das forzas rusas, en 2002, do teatro moscovita ocupado por rebeldes chechenos, amplía os dilemas e as preocupacións para o “xeneral-presidente” Musharraf.

O templo islámico e o martirio do seu líder, Abdul Rashid Ghazi, poden converterse nun símbolo arquetípico esencial para os integristas musulmáns e para os grupos simpatizantes coa “yihad global” anunciada por Al Qaeda, na súa pretensión por expulsar ás tropas occidentais de Afganistán e acabar co goberno de Musharraf.

Os case 300 mortos ocasionados por un ataque indiscriminado e a liberación de varios dos estudantes secuestrados polos integristas, acelera a desesperación de Musharraf en conter pola forza o ascenso do integrismo islamita e pode inaugurar unha etapa de ofensiva frontal por parte das Forzas Armadas, contando co apoio dos principais partidos políticos paquistanís.

Paquistán vai a eleccións presidenciais a finais de 2007, pero poden suspenderse se Musharraf considera necesario aplicar o estado de emerxencia, ante a presumible ofensiva dos grupos islamitas. Aprazar as eleccións certificaría o peche dos canais democráticos, a renovación dos dirixentes do país e a preeminencia política do sector militar.

Este escenario amplía a inquedanza cara o que sucede en Paquistán cos síntomas de fricción que nos derradeiros meses se observan nas relacións de Musharraf con EEUU e Gran Bretaña, que ben poderían complicar a persistencia do actual goberno paquistaní.

Washington e Londres seguen a considerar a Musharraf como un aliado estratéxico imprescindible nesta estratexia de loita contra Al Qaeda, así como o tamén o considera o Estado de Israel, a quen Musharraf recoñeceu e con quen abriu amplas vías de cooperación militar e económica nos últimos dous anos.

O problema pode estar na incapacidade de Musharraf para estabilizar a fronteira noroeste do seu país con Afganistán, onde se considera que se refuxia a cúpula de Al Qaeda e onde a actividade dos “talibáns” e os grupos integristas islamitas afastan a autoridade do poder central en Islamabad.

Para manter un mínimo de estabilidade nesta rexión, coas provincias de Baluchistán e Waziristán, Musharraf vese constantemente na obriga de negociar cos xefes tribais e os líderes integristas, levando a cabo un “dobre xogo” entre a súa necesidade de manter o apoio occidental (especialmente militar) e a urxencia por preservar os canais de negociación con elementos vinculados ou simpatizantes con Al Qaeda.

Pero esta fronteira afgano-paquistaní é ficticia, porque o descontrol de Islamabad aumenta a percepción dunha posible “talibanización” en Paquistán ou, cando menos, dunha posible fragmentación territorial, un “Estado tampón” entre Afganistán e Paquistán, con serias consecuencias xeopolíticas para Occidente.

Segundo disidentes paquistanís radicados no exterior, Musharraf utiliza a loita contra o terrorismo e a ameaza de talibanización do país como un elemento de poder destinado a manter a súa supremacía dentro do Estado e as Forzas Armadas. Na estrutura militar paquistaní, aumenta a preocupación sobre o posible risco de integrar a “islamitas” con capacidade de ascenso militar nun país con considerable peso nuclear.

Pero o descontento aumenta na sociedade paquistaní, complicando os plans e estratexias de Musharraf e Occidente. En diversos círculos políticos de Washington e Londres se especulaba co posible apoio a un golpe militar contra Musharraf conformado por elementos castrenses máis afectos á política occidental.

Se calcula que o poder de Musharraf pode estar debilitándose e que o ascenso integrista colocaría a Paquistán como unha seria ameaza á seguridade non só na rexión asiática senón con carácter global. Velaí a necesidade de Musharraf de realizar unha ampla demostración de forza, coa finalidade de garantir a súa supervivencia política.

O sanguento ataque á Mesquita Vermella pode levar a un escenario contrario aos intereses occidentais, colocando a Paquistán como o verdadeiro centro de preocupación e de inestabilidade global, incluso superando as inquedanzas polo ascenso iraniano ou a crise que se vive en Oriente Medio. Paquistán e a rexión centroasiática pode converterse nun incendio inesperado para Occidente.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/07/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta