| Presencia-Opinión |
||||
| O combustíbel da fame Por Manoel Santos (Galicia Hoxe, 15/07/2007) |
||||
|
Alén disto, os EUA tratan tamén de afastarse da súa dependencia do petróleo de países do “eixe do mal”, coma Venezuela e eses do Oriente que eles mesmos desestabilizan a cotío, tratando de propor a gobernos neoliberais como o brasileiro unha especie de OPEP dos biocombustíbeis, como afirma Eric Holtz-Giménez no ‘Le Monde Diplomatique’ de xuño. Xeopolítica pura. Os biocombustíbeis –menos enganoso é agrocombustíbeis– proceden de plantacións de cereais, caña de sucre e palma aceiteira, entre outras, polo que as necesidades de superficie agraria para cumprir eses obxectivos son abraiantes. Moitos científicos din que a UE debería mobilizar o 70% das súas terras de cultivo e os EUA o 121%. Máis do que legalmente –sen invasións militares– ten. Como prescindir de terras para producir alimentos de persoas e animais é imposíbel, a solución será a de sempre, o Sur. Pensarán que aló embaixo a xente está afeita á fame, á explotación nas plantacións, a engrosar as listaxes de refuxiados polas invasións de transnacionais paramilitarizadas e aos desastres ambientais. Novo engano pois para os de aquí enriba. Se cadra é certo de que os agrocombustíbeis a producir en Europa poderían valorizar terras inmobilizadas pola política agraria común, e tamén convertir a labregos que producen excedente de alimentos –paradoxos do global– en agricultores enerxéticos. Mais sabendo da codicia deste capitalismo que nos aparva, a cousa non vai parar aí, e o risco para a soberanía alimentar dos habitantes do planeta, que non somos só nós, para o acceso aos alimentos –demostrado isto xa coas subas do prezo do millo en México– ou para os bosques tropicais arrepía. Agrocombustíbeis si, pero nas mans dos labregos e da sustentabilidade das explotacións, non das empresas. Para o do CO2 por agora só nos quedan aforro e eficiencia. |
||||
|
Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi. |
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 07/08/2007 |
||||
|