| Presenza-Opinión |
||||||||
| Farsa no balneario Por Luís A. Pousa (El Ideal Gallego, 10/06/2007) |
||||||||
|
De non ser por África, que é unha espiña cravada no corazón da globalización, os reunidos non terían necesidade nin de xustificar a súa presencia nos cumios dos últimos anos. Abondaríalles coa foto, que nesta ocasión ofrece ángulos oscuros, cos dous principais herdeiros da guerra fría tentando de novo á sorte –a polémica dos misís, a independencia de Cosova, a dialéctica que se traen sobre quen conculca menos os dereitos humanos e, sobre todo, o negocio enerxético–. O continente negro é para os mandatarios do G-8 un incordio, a xulgar por como lle racanean cifras e calendario. Pero non o poden substituír por outra realidade máis digna de compasión, sentimento que propagandean e priorizan ao de inxustiza e desorde, que os culpabiliza. Vense forzados a levala á axenda, pero tendo coidado en que sexan as enfermidades -a sida, que mata a tantas persoas como a suma das que caen vítimas das guerras, da fame e das inundacións, a malaria e a tuberculose-, e non as causas estruturais que as provocan, o que caia baixo o foco dos medios de comunicación. Algo semellante sucede co Protocolo de Kioto, ao que Bush segue negándolle o plácet. Fogos de artificio, pois, que saldan con promesas de cartos que nunca chegan ao seu destino. Os 44.000 millóns de euros que veñen de anunciar para loitar contra a miseria e a morte en África non especifica prazos, nin quen os ten que dar, nin como se van repartir. E segue sen haber un acordo vinculante para o post Kioto do 2012, porque nin Rusia nin EEUU. aceptan reducir as emisións contaminantes. A de Heiligendamm foi por todo iso outra farsa. |
||||||||
|
Luís A. Pousa, membro do Consello Asesor do Igadi. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2007 |
||||||||
|
||||||||