| Presenza-Opinión |
||||||||
| Voces, bombas e mediacións Por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (A Nosa Terra, 05/07/2007) |
||||||||
|
As bombas de Londres e o auto explosivo de Glasgow deron unha excelente ocasión aos dous respectivos e novos xefes de Goberno, Gordon Brown en Londres e Alex Salmond en Escocia, para comparecer ante o público. E os dous saíron ben da proba, con seriedade e sobriedade que contrastou có estilo de Blair. Un e outro teñen diante unha tarefa política difícil. Salmond encabeza un goberno sen maioría absoluta, que é o primeiro dun partido nacionalista na Escocia. Prometeu un referendum sobre a independencia que seguramente terá que adiar ou diluir, se quer manter o apoio dos partidos que necesita para continuar no poder. E Gordon Brown, que insiste en que ven traer novidades que fan moita falta na substancia e no estilo da política do Reino Unido, vai atopar difícil convencer a ninguén de que esqueza os dez anos que levaba no goberno de Blair, onde ben poucos sináis deu dunhas liñas políticas diferentes, aparte da cara, o xesto e a voz. Fala agora dunha maior apertura á opinión dos outros, pero sempre se arrodeu duns poucos leais e practicou o segredo e a manobra desde o recuncho propio. Tamén el dependou dos meigos da manipulación da opinión. E na reforma constitucional que agora dí que vai realizar terá que comezar por desfacer moitos pasos errados do seu predecesor, como foi o da reforma desnortada e sin rematar da Cámara dos Lores. Vai ser interesante, no social, ver cánto caso lle fai ao que queda do Partido. Hereda un partido que perdeu a mitade dos afiliados nos dez anos de poder de Blair. Da moito que pensar que hoxe, e non són na Gran Bretaña, se poida gobernar sen partido, de certo xeito. Unha instancia menos á que rendir contas para os políticos. E mentras tanto, Blair vai locer os seus encantos de expresión nun novo esceario e cun público oriental que probablemente non os entenda nin lle faigan maior graza. O desacerto de quen o nomeu para representar ao Cuarteto no Próximo Oriente non podía ser maior. Era inevitabel que na prensa de todo xénero lle chamasen mediador, e xa comezan a explicar que non é iso. Para mediar hai que ter, a máis de poder, certa neutralidade. Blair, moi persoalmente, foi parte de un factor tan agravante do conflicto básico naquela parte do mundo como foi o ataque ao Iraque e o caos subseguinte. Parece ser que, máis que mediar, o encargo do Blair será configurar as institucións políticas palestinas e procurar apoio económico para eso. Non deixa de ser curioso que iso, sobre todo a axuda económica, sexa o que hai algún tempo propuxera Brown como solución para o conflito árabe-israelí nunha das poucas veces que falou de política internacional. Seguramente responderá ben ao sorriso blairiano o primeiro ministro da Palestina de Ramallah, Salam Fayyad, que niso das finanzas din que ven sendo unha especie de Gordon Brown. Pero o que pase en Gaza, si é que vai alá, vai ser máis duro de roer. Boa sorte teña o enviado, porque a paz e a guerra son cousa seria. Pero é un alivio, con todo, non telo xa por aquí. |
||||||||
|
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do Igadi. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 08/06/2007 |
||||||||
|
||||||||