| Presenza-Opinión |
||||||||
| Angela derrota a Ségolène Por Enrique Sáez Ponte (A Nosa Terra, 10/05/2007) |
||||||||
|
Un factor clave para a definición dos indecisos, que receaban de votar a un político agresivo e ambicioso como Nicolas Sarkozy, foi a evolución recente de Alemania, para onde sempre ollan os nosos veciños. A Alemaña de Angela Merkel ten amosado en ano e medio capacidade de cambio na liña que propón Sarkozy: reducir o peso económico do Estado e liberar espazos para o sector privado, dandolle máis flexibilidade ao país para se adaptar aos desafíos dun mundo máis aberto e interdependente. Neste tempo, Alemaña ten reducido o desemprego en un millón de persoas e crece un punto porcentual por riba de Francia, mentras se consolida como o primeiro exportador mundial. Agochada dentro da elección francesa había unha batalla entre mulleres, Angela Merkel, a primeira que chega ao cumio do poder en Alemaña, e Ségolène Royal, que podía ter sido a primeira presidenta da historia de Francia. O éxito de Angela foi decisivo para que Sarko, derrotara a Sego. A Ségolène Royal quédalle a difícil tarefa de intentar modernizar e unificar aos socialistas, en unión do seu compañeiro François Hollande, secretario xeral do partido, dende posicións menos retóricas das que lle impediron dar unha mensaxe clara ao electorado. Non vai ser doado, porque son moitos os anos de divisións e enfrontamentos entre persoeiros que non queren renunciar ás súas ambicións. Sarkozy e Merkel teñen un obxectivo común non menos difícil: reconstruír o eixo franco-alemán para impulsar o proxecto europeo, agora máis diverso e complexo. Para elo contan co gran peso dos seus países e con algunhas ideas importantes que ambos comparten, como é a necesidade de fixar máis aquí do Bósforo as fronteiras de Europa polo leste. |
||||||||
|
Enrique Sáez Ponte é membro do Consello Asesor do Igadi. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 11/05/2007 |
||||||||
|
||||||||