Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
A lingua galega e pobo mapuche
Por Ângelo Gonçalves Vicente (igadi.org, 09/06/2007)
 
 

  Bandeira mapuche, clic para aumentar
O pobo mapuche distribúese entre os Estados chileno e arxentino, sendo conformado por unhas 650.000 persoas no lado chileno e outras 100.000 no arxentino, e ocupando unha extensión que equivalería en superficie a entre 4 e 5 veces a galega. A súa lingua propia, o mapuzugun, falado no pasado pola totalidade da nación mapuche, padece hoxe un rápido retroceso perante a forte presión do español, impulsado polos dous Estados que, no entanto, non atribúen recoñecemento xurídico algún ao mapuzugun. Aínda se chega a castigar fisicamente a quen emprega o idioma mapuche en determinados ámbitos.
 
O noso país, pouco a pouco e mercé do intenso esforzo dunhas poucas persoas e institucións e a indiferenza, por infeliz miopía, de todas as demais, comeza a conseguir algunha proxección internacional. Unha proxección que se revela indispensábel para se teceren alianzas simbióticas ou até solidarias co exterior. Unhas alianzas que constitúen unha dimensión inexorábel e indispensábel no mundo globalizado dos días de hoxe se, como pobo, como cidadanía e/ou como individuos queremos subsistir da maneira máis vigorosa e mesmo digna posíbel. Pois será desas alianzas que dependa cada vez máis a saúde e fortaleza da nosa cultura, da nosa economía, do noso activismo e comunicación social, da nosa capacidade política.

Mais dicía, en fin, que algún eco internacional comeza a ter a Galiza e, por consecuencia, algún interese externo se vai xerando e algunha alianza co exterior vai tomando forma. É desde esta perspectiva que deberiamos ver a recente visita de Celeste Carilao, representante do pobo mapuche, que estivo na Galiza entre os días 31 de maio e 3 de xuño para tomar contacto coa experiencia galega no ámbito da reivindicación da lingua propia do país e, desta maneira, tentar tirar algunha lección que eventualmente poida servir aos esforzos da súa nación nese mesmo sentido.

O pobo mapuche distribúese entre os Estados chileno e arxentino, sendo conformado por unhas 650.000 persoas no lado chileno e outras 100.000 no arxentino, e ocupando unha extensión que equivalería en superficie a entre 4 e 5 veces a galega. A súa lingua propia, o mapuzugun, falado no pasado pola totalidade da nación mapuche, padece hoxe un rápido retroceso perante a forte presión do español, impulsado polos dous Estados que, no entanto, non atribúen recoñecemento xurídico algún ao mapuzugun. Aínda se chega a castigar fisicamente a quen emprega o idioma mapuche en determinados ámbitos.

Este estado de ocaso lingüístico dos mapuches ten sido un dos elementos fundamentais na toma de consciencia identitaria, xurdida como reacción perante unha situación percibida como inxusta e empobrecedora dun pobo que, no fin, aínda ten orgullo e parece estar lonxe de querer esquecer o seu carácter singular, e de se deixar subsumir por outras sensibilidades identitarias.

Foi neste cadro que dous anos atrás nacía Wallmapuwen, un partido político en formación que se declara insubornábel defensor da cultura mapuche e que ten entre as súas prioridades a recuperación da normalidade de uso para o seu idioma propio no ámbito do territorio mapuche.

Aínda teñen moito que andar, mais durante os días que Celeste Carilao, membro dese partido, pasou na Galiza, e previamente na Bretaña e Euskadi, reuniu abundantes experiencias, ánimos, e teceu, en fin, alianzas internacionais que deberan contribuír para a súa causa. Oxalá, porque é xusta, admirábel e digna.

Á Galiza custoulle pouco dar unha man ao pobo mapuche nesta ocasión mais, en troca, urdiu máis lazos de amizade alén do Atlántico. E quen sabe se algún día non serán elas e eles, as e os mapuches, quen nos poidan axudar a nós?

 
 

Ângelo Gonçalves Vicente,
asesor da Fundación Via Galego e colaborador do Igadi.

Ângelo Gonçalves Vicente, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/06/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta