| Presenza-Opinión |
||
| Vitorias e derrotas Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 26/01/2006) |
||
|
Esta vitoria de Cavaco, por outra banda, vai ter un efecto revulsivo nas filas da oposición parlamentaria. Moi decaído polos seus pésimos resultados de febreiro, o PSD, reforzado polos datos das autárquicas e este trunfo contundente de Cavaco –foi un contra cinco!– sentirase animado dabondo para recuperar protagonismo público. Tamén pola esquerda, onde o papel da CDU de Jerónimo de Sousa e do Bloco de Louçá, deberán amosarse especialmente activos para conter o xiro á dereita que pode experimentar a política portuguesa nos próximos tempos. Quere isto dicir que aínda cunha maioría absoluta parlamentaria e unha lexitimidade incuestionable como a de Cavaco, a estabilidade política portuguesa non está de todo garantida. O final de Soares presenta síntomas de traxedia. A severa derrota infrinxida por Alegre simboliza o fin do soarismo na vida política lusa. Péchase unha longa etapa. As enquisas o anunciaran anticipadamente: nunca Soares conseguiu presentar a campaña como un duelo Cavaco-Soares. Non conseguiu asentar un mínimo bipartidismo, foi Cavaco contra todos os rivais. O trunfo de Alegre confirma, no plano interno, a existencia dunha forte tendencia de esquerda no seo do PS e Sócrates deberá telo en conta á hora de definir o sentido das súas reformas. Alegre, pese á derrota, culpado por algúns da desfeita socialista, crece considerablemente con estes resultados e abre un escenario de participación política por riba dos aparatos partidarios, moi danados na súa credibilidade ante a cidadanía. O boicot, na noite electoral, de Sócrates a Alegre aventura difíciles relacións entre ambos. Nos outros partidos, as consecuencias tamén compre avalialas. No caso da CDU, Jerónimo de Sousa revalida firmemente o seu liderado, mellorando resultados en relación ás lexislativas. No Bloco, Louça, á baixa, pode enfrontar algunhas críticas, mais agardábase que o voto útil no socialismo reducira expectativas. No PSD, Marques Mendes, á fronte do PSD, unha maquinaria que se volcou con Cavaco, da un paso de xigante para vencer as resistencias dalgúns sectores internos que non confían na súa consolidación, aínda que a figura de Cavaco pode eclipsar nos próximos anos, a capacidade de Mendes para referenciarse como líder do centrodereita. No CDS, Ribeiro e Castro, terá dificultades para manter o seu espazo despois deste trunfo tan abarcador de toda a dereita baixo o ceo de Cavaco. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2006 |