| Presenza-Opinión |
||||||||
| Un Abe para Xapón Por Xulio Ríos (AGN, 02/10/2006) |
||||||||
|
Shinzo Abe dase un prazo de cinco anos para realizar o seu proxecto. A razón de fondo da viraxe que propón non é outra que a pelexa polo liderado rexional. De América Latina a África, Asia Central ou o Pacífico-Sur, China medra en influencia por todo o mundo. Abe aspira a ese maior protagonismo de Xapón cadrando o círculo, é dicir, mellorando a un tempo as relacións con Beijing. Aínda que hoxe non representa máis da cuarta parte da economía nipona, as potencialidades de China poderían dar a volta á situación nun par de lustros. China é o seu primeiro socio comercial, pero as relacións políticas están seriamente afectadas polas desavinzas. Dende abril de 2005, os contactos ao máximo nivel están suspendidos. A presenza ou non de Abe no santuario Yasukuni dará a medida das súas intencións. Polo momento, a “falta de complexos” polo comportamento pasado na que di querer asentar o seu programa de goberno vale tanto para un roto como para un descosido. China agarda xestos conciliadores, pero ¿estará Abe disposto a amosar arrepentimento polas masacres desatadas por Xapón? Coa mirada posta nas vantaxes económicas, son os grandes empresarios nipóns os que máis están a premer a prol dunha conciliación, sempre difícil nunha Asia máis moderna pero apegada, pese a todo, aos valores tradicionais. Eses que tanto dificultan aquelo, tan necesario sempre, de saber pedir perdón. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 05/10/2006 |
||||||||
|
||||||||