Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia/ Asia
Tailandia, un golpe “real”
Por Xulio Ríos (AGN, 25/09/2006)
 
 

  Tanques en Bangkok, clic para aumentar
A convicción de que os próximos comicios, de se celebraren, non solventarían a crise, alentou esta “corrección” por parte do exército en contra de Thaksin, con claro apoio do rei Bhumibol Adulyadej. Un golpe de seda, din algúns, pero real e por partida dobre. O dubidoso é que con golpes, brandos ou duros, se poida fortalecer a democracia. (Foto: Tanques na Praza Real de Bangkok).
 
A “tradición” golpista é unha das máis asentadas en Tailandia. A anterior asonada remóntase a febreiro de 1991, pero de 1930 a hoxe podemos contar máis de vinte, se incluímos as tentativas. O da pasada semana era agardado por moitos.

O motivo inicial que propiciou a grave crise tailandesa foi a venda do conglomerado empresarial Shin Corporation a unha compañía de Singapur mediante unha operación comercial declarada libre de impostos. A oposición, agrupada principalmente arredor da Alianza Democrática Popular (ADP), acusou a Thaksin Shinawatra, primeiro ministro, de valerse da súa posición política para actuar de forma fraudulenta. Durante o mes de marzo se levaron a cabo importantes mobilizacións para reclamar a súa dimisión. E Thaksin, o home máis rico de Tailandia, mobilizou os seus apoios, en especial aos campesiños do sudeste e do norte do país, fragmentando o antigo reino de Siam en dous bandos irreconciliables.

A ADP e os outros tres partidos opositores esixían unha investigación a fondo da venda das accións deste grupo, pero Thaksin pechouse en banda. O 24 de febreiro decretou a disolución da cámara baixa e convocou eleccións xerais para o día 2 de abril. Toda a oposición optou polo boicot. O partido Thai Rak Thai, formación gobernante e liderada por Thaksin, quedou abertamente enfrontado a toda a oposición. As eleccións chegaron a se celebrar, pero o Tribunal Constitucional declarou posteriormente que se desenvolveran infrinxindo a lei e que, polo tanto, habería que repetilas.

Ante o bloqueo da situación, o presidente do consello privado do rei e ex premier, Prem Tinasulanonda, e os altos mandos militares, exhortaron ás dúas partes a tomar en consideración os intereses do Estado, buscando unha saída no marco da legalidade democrática. En xullo, a proposta do goberno, aprobouse a celebración de novos comicios lexislativos para o 15 de outubro deste ano pero, nas últimas semanas, se especulaba coa posibilidade dun retraso desa convocatoria, en principio, ata novembro. A convicción de que os próximos comicios, de se celebraren, non solventarían a crise, alentou esta “corrección” por parte do exército en contra de Thaksin, con claro apoio do rei Bhumibol Adulyadej. Un golpe de seda, din algúns, pero real e por partida dobre. O dubidoso é que con golpes, brandos ou duros, se poida fortalecer a democracia.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/09/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta