| Presenza-Opinión / África |
||||||||
| Sahara: clamar no deserto? Por Xulio Ríos (AGN, 15/05/2006) |
||||||||
|
En Rabat non se disimula a alegría. Durante a recente visita a Marrocos do presidente chinés, Hu Jintao, puido pactarse a presentación deste novo informe. China preside actualmente o Consello de Seguridade e o líder chinés entrevistouse co presidente do consello consultivo para asuntos saharauís, a quen lle manifestou a súa “comprensión” polo empeño na “unificación”. Hu, confundindo os desertos coas illas, equiparaba o contencioso de Taiwán co problema do Sahara. Non teñen nada que ver o un co outro, pero a reciprocidade é un valor político que cimenta máis solidamente as alargadas expectativas comerciais de ambos países. O ministro chinés de exteriores visita estes días Mauritania. Mentres os aliados de Marrocos gozan dunha crecente influenza e as súas teses van gañando peso cada día que pasa, o POLISARIO, un tanto desconcertado no novo contexto internacional, quédase sen amizades. Alxeria clama no deserto, e Marrocos fai oidos xordos. Cada emisario persoal de Annan que visita a zona para elaborar o seu respectivo informe, agrava os prognósticos do anterior. E van trinta relatorios en quince anos. O último, elaborado por un diplomático holandés, Peter van Walsum, deixa poucas opcións. Poida que este tampouco sirva para moito, pero o tempo da outra volta de rosca para ir en contra das teses saharauis. EEUU xa deu o seu apoio á autonomía e Rabat está decidido a presentar nuns meses un plan concreto nas Nacións Unidas. Ata Ben Bella, o antigo presidente alxeriano que anda a predicar a liberación dos pobos do Sur e arremetendo contra os colonialismos, amósase partidario dunha autonomía definitiva. No reverso da moeda atópase Driss Basri, ex ministro de interior marroquí e exiliado en París, quen rexeita a autonomía pero porque está convencido de que Rabat pode gañar o referendo. En suma, e en calquera caso, os saharauís nunca sairían gañando. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 15/05/2006 |
||||||||
|
||||||||