| Presenza-Opinión / Rusia |
||
| Putin en viaxe de negocios Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 09/02/2006) |
||
|
Con todo, o mellor espello da natureza do réxime de Putin é o conflito checheno, que lle serviu en 1999, nunha escura operación, digna deses servizos secretos que tan ben coñece, para acceder dende o anonimato á Presidencia, desatando a segunda fase da guerra iniciada en 1994, despois do parón de 1996. A Chechenia de Putin está hoxe en mans de Ramzan Kadirov, primeiro ministro interino, logo da morte en atentado do seu pai, o presidente Ajmad Kadirov, en maio de 2004. Cando a Putin lle fan saber o que xa sabe, que Kadirov, de 29 anos, é un violento e responsable de numerosas violacións dos dereitos humanos nesta República, o Presidente ruso colócalle a medalla de “Heroe de Rusia”. Á fronte dun batallón duns sete mil kadirovski, oficialmente organizados para reprimir aos independentistas, Kadírov e a súa xente especializáronse nas desaparicións, torturas e na execución de civís inocentes, sementando o terror por onde pasan. Estes somaténs fináncianse mediante a reorientación das axudas de Moscova, que fai a vista gorda ante a corrupción porque lle permite reducir as perdas das tropas federais que Rusia mantén en Chechenia. O programa político de Kadirov, en quen Putin pon a súa confianza, centrase na potenciación do turismo ou na reconstrucción de Grozni, ou na defensa da poligamia (como medio para que os ricos poidan manter legalmente ás numerosas viúvas de guerra). Rusia está lonxe de ser unha sociedade normal. Non quer isto dicir que a normalidade deba traducirse na conformación dun sistema político exento de especificidades, pero, de darse, esas non deberían conculcar nin os dereitos dos individuos nin dos pobos. Por moi patriótico que lle resulte a Putin ese negocio. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 10/02/2006 |