| Presenza-Opinión |
||||||||
| Positivo 2006 Por Xulio Ríos (AGN, 26/12/2006) |
||||||||
|
En segundo lugar, se restablece a confianza no multilateralismo. A magnitude dos problemas globais e a complexidade crecente dos conflitos locais dificultan a consolidación de calquer tipo de hexemonismo, mesmo cando se disfraza de boas intencións como a propagación da democracia e dos dereitos humanos ou a superación da controvertida ineficiencia de Nacións Unidas. Non hai outra vía mellor que a sinalada polas negociacións e a vertebración de amplos consensos para dotar de autoridade e de eficacia propostas políticas que fagan avanzar a humanidade na mellor dirección e resolver os conflitos máis duros que puidera encarar. Non sobra ninguén. E se admitimos o pluralismo como esencia da democracia, tamén debemos admitir a diversidade política universal como un acicate para perfeccionar o sistema mundial. Un mundo en mans dun único país é como unha democracia de partido único, unha democradura. A nova situación que se configura abre expectativas para que a UE asuma un maior protagonismo internacional. A aposta polo multilateralismo e pola solución pacífica dos conflitos é inherente ao proceso europeo. Pero Europa, hoxe máis grande ca nunca, existe menos ca nunca. A consolidación dunha Europa “americana” no Leste e a falla de liderado e de orientación, impiden que a UE dispoña da cohesión necesaria para defender propostas aceptables. A súa é hoxe unha voz inexistente e as posibilidades de emancipación e vertebración dun discurso propio son directamente proporcionais á consolidación, no plano político, de diferentes niveis de integración e de adhesión. Todos xuntos, agora mesmo, é inviable. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 28/12/2006 |
||||||||
|
||||||||