| Presenza-Opinión |
||||||||
| Outro Lula non é posible Por Xulio Ríos (AGN, 23/10/2006) |
||||||||
|
É verdade que Lula tivo moitas cousas en contra, en especial, a moitos medios de comunicación que se recrearon a eito coa perda de rumbo do PT e do lulismo. A campaña da dereita foi especialmente agresiva e logrou erosionar a súa figura ata conseguir o que parecía imposible. Pero a clave principal reside na decepción, consecuencia non dos erros de Lula senón da súa política. Non vale a desculpa de que a corrupción é algo normal no Brasil. Todos agardaban do PT un comportamento ético que dignificase as institucións e a política. Pero o PT acabou enredado nas corruptelas, involucrándose en mil e unha irregularidades. Tanto ten que houbera ou non enriquecemento persoal ou que os obxectivos fosen máis ou menos nobres. O dano está feito e da igual que Lula estivese ou non ao tanto de tan nefastas operacións. Malo, tanto se si coma se non. Moito agardaban del os movementos sociais. Pero as reformas prometidas en 2002 non foron cumpridas. E poucas esperanzas hai de que neste segundo mandato poida introducir un xiro na súa política económica. Os programas sociais, con ser positivos, saben a moi pouco nun Brasil rebordante de desigualdades e inseguridade. A humanización da economía buscada por Lula, cos seus controvertidos golpes de sinceridade, foi feble. E na política exterior, as expectativas de liderar alternativas ao hexemón estadounidense na rexión, foron indo a menos de día en día. Outro Lula é posible? Agora todo será máis costa arriba, entre outras cousas porque coa perda de 26 deputados entre os grupos que apoian ao goberno (o PT gañou en Baía pero perdeu estados como San Pablo, Minas Gerais, Rio), seralle máis difícil gobernar. E moito máis acreditarse como un revulviso e autentico reformador da política brasileira. Aínda que un, neste prognóstico, preferiría equivocarse. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 25/10/2006 |
||||||||
|
||||||||