Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Nós, Portugal e o portugués
Por Xulio Ríos (Faro de Vigo, 17/01/2006)
 
 

  José Manuel Durao Barroso e José María Aznar, clic para aumentar
Do punto de vista institucional perdeuse unha ocasión magnífica cando en outubro de 2002 asinouse o Tratado de cooperación transfronteiriza de Valencia, onde ninguén puxo a forza suficiente para garantir o recoñecemento da personalidade xurídica das Comunidades de Traballo. En relación a Portugal, o problema era Galicia, aínda que os medos, por parte vasca e catalana en relación a Francia, puideran pesar tamén. Habíaos que visualizaban xa a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal como a “jangada de pedra” que novelara Saramago, a andar polo mundo “sozinha”. Esa carencia é clave, e hoxe, que mesmo se recoñecen os matrimonios entre persoas do mesmo sexo, non se sabe moi ben por que debe custar tanto esforzo fixar o recoñecemento da personalidade xurídica destas entidades que dan forma a unha realidade común e compartida. Non houbo vontade política daquela entre Aznar e Durao Barroso. Podería habela agora? Deberíase instar. (Foto: José Manuel Durao Barroso e José María Aznar nunha reunión da OTAN en maio de 2002).
 
China, que está tan de moda, quizais poida servirnos para entender mellor o que intento dicir. En 2003, a penas tres anos despois de recuperar o control político sobre o enclave portugués de Macau (20 de decembro de 1999) e convertela nunha Rexión Administrativa Especial, Beijing decidiu impulsar desde alí a constitución dun Foro para a Cooperación entre China e os países de Lingua Portuguesa, coa única excepción de Guinea-Bissau, con quen non mantén aínda relacións diplomáticas; en total, un mercado de 220 millóns de persoas con grandes potencialidades de desenvolvemento. En 2002, o valor das relacións comerciais entre China e os países de lingua portuguesa era de 6.100 millóns de dólares. En 2004 pasou a 18.000 millóns, triplicando os datos de 2002. Naturalmente, falamos dun proceso de ida e volta: calquera que pense no mercado chinés, non pode deixar de contemplar o valor de Macau como vía de entrada no sur da China e nesa Grande China que incluiría a China de ultramar.

China comprendeu rapidamente a singularidade de Macau e definiu unha estratexia para aproveitar esa plataforma a fin de favorecer a cooperación económica e comercial. O peculiar contexto histórico e cultural do territorio, a cooficialidade do portugués e o chinés, alén doutras consideracións específicas da zona en razón da persistencia nela do sistema socioeconómico vixente antes da devolución por parte de Portugal, reforzaban esa idoneidade.

Se intentaramos trasladar a España esa reflexión, que acontecería? Habida conta dos lazos históricos, culturais e lingüísticos que Galicia ten con Portugal e que resaltan a súa idoneidade para aproximarse ao mundo de fala portuguesa, ¿podería Madrid interiorizar como un dos eixes da súa diplomacia económica e comercial a potenciación desa singularidade galega?

A relación con Portugal é moi importante para nós. Pero a veces da a impresión de que non sabemos abordala debidamente, que nos faltan ideas, que conservamos temores estraños. Economicamente avanzouse moito nas últimas décadas; cultural e socialmente podería facerse moito mais; politicamente, o camiño a percorrer é longo.

Do punto de vista institucional perdeuse unha ocasión magnífica cando en outubro de 2002 asinouse o Tratado de cooperación transfronteiriza de Valencia, onde ninguén puxo a forza suficiente para garantir o recoñecemento da personalidade xurídica das Comunidades de Traballo. En relación a Portugal, o problema era Galicia, aínda que os medos, por parte vasca e catalana en relación a Francia, puideran pesar tamén. Habíaos que visualizaban xa a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal como a “jangada de pedra” que novelara Saramago, a andar polo mundo “sozinha”. Esa carencia é clave, e hoxe, que mesmo se recoñecen os matrimonios entre persoas do mesmo sexo, non se sabe moi ben por que debe custar tanto esforzo fixar o recoñecemento da personalidade xurídica destas entidades que dan forma a unha realidade común e compartida. Non houbo vontade política daquela entre Aznar e Durao Barroso. Podería habela agora? Deberíase instar.

Proseguir a construcción da eurorrexión cara dentro é moi importante. O problema das comunicacións, tamén o da comunicación, son dous capítulos a impulsar. Esta segunda comunicación comeza a aparecer, por fin, na axenda e non era sen tempo. Pero nós contamos cunha singularidade que nos fai únicos e debemos afondar nese privilexio e non diluílo. A nosa aposta debería ir mais alá da captación e xestión de fondos europeos. Probablemente, sería de interese establecer cada equis anos un encontro entre as comunidades de traballo españolas fronteirizas con Portugal para intercambiar experiencias e adiantar proxectos conxuntos, como agora se fixo en Vila Viçosa. E máis que sumar máis España á nosa eurorrexión, debiamos sumar máis exterior, habida conta da nosa presenza en América e da presenza de Portugal na lusofonía. A experiencia de levar ao Arco Atlántico rexións españolas que non tocaban no océano non é moi alentadora. Quizais debamos cavar máis fondo en vez de abarcar máis leira.

En Madrid proxectan abrir en Canarias unha Casa de África; en Barcelona está Casa Asia e boa parte da política española para o Mediterráneo ten por emblema a cidade condal; en Andalucía toma corpo unha certa orientación privilexiada co mundo árabe. ¿E nós? O Igadi fixo en 2001 unha aposta polo impulso exterior cun estudo, elaborado coa Universidade Fernando Pessoa, que durmirá nalgún caixón. A situación en Portugal complicouse moito daquela e a partir da dimisión de Antonio Guterres, en 2002, como consecuencia da derrota municipal, calquera tempo pasado foi mellor.

Co Observatorio Galego da Lusofonía, outra iniciativa do Igadi que botamos a andar recentemente, concretamos esa idea de impulsar a nosa acción exterior poñendo o acento na lingua; ultrapasando a batalla lusista pero tomando nota do valor e da potencialidade da nosa proximidade lingüística ao portugués, un espazo equiparable ao noso “estranxeiro próximo”. Levamos anos, por exemplo, impulsando a idea de que a nosa cooperación internacional ao desenvolvemento debe especializarse nos Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa, convencendo a Madrid de que canto faga España nesa área debe facelo a través de Galicia; e propoñemos outras moitas iniciativas en diferentes campos.

Pero ¿é consciente Galicia desas expectativas? ¿Facemos unha aposta, de verdade seria, por Portugal? Falamos moito dunha asimetría, a que todo o explica polo feito de Portugal non contar con comunidades autónomas ou rexións. Pero hai outra máis contundente: entre nós temos dous Consulados de Portugal, un de carreira e outro honorario; unha representación do Instituto Camoes; un Centro Portugués; e imos contar este ano de novo cunha oficina do ICEP e Turismo de Portugal. ¿Cal é a visibilidade institucional de Galicia, xa non en todo Portugal senón só Norte?

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/01/2006
Fernando Pol


Subir