| Presenza-Opinión |
||||||||
| Lindezas mexicanas Por Xulio Ríos (ECO, agosto/2006) |
||||||||
|
A elección entre Calderón (PAN) e López Obrador (PRD), confrontaba dous proxectos políticos, económicos, sociais e de inserción internacional de México, claramente diferenciados. Unha vitoria de López Obrador, un personaxe carismático, populista segundo algúns, máis comprometido cunha afirmación latinoamericana específica, incorporaría a México, non ao bloque de Chávez ou Evo Morales, pero si ao de Bachelet e Lula e sen incomodar excesivamente a EEUU, ideolóxicamente máis proclives a entusiasmarse cunha vitoria de Calderón, pero sen temer o compromiso de Obrador para superar as desigualdades sociais, a corrupción e un maior apoio á economía e o mercado nacional. Unha política moderada nese sentido podería alixeirar a presión migratoria que tanto divide á sociedade estadounidense. Pero non pudo ser. A UE reaccionou de inmediato á proclamación oficial de Felipe Calderón como gañador da contenda. Bruxelas descarta totalmente o fraude e reafirmou a confianza nas institucións mexicanas encargadas de velar pola limpeza do escrutinio. Non obstante, o que realmente quedou en cuestión na longa campaña mexicana foi o proceso electoral en si mesmo, máis que o reconto. Ás acusacións infundadas e ataques furibundos do goberno e do PAN durante toda a campaña, uníronse outros feitos graves, denunciados en tempo e forma pola oposición, coma o manexo de información confidencial. O propio cuñado de Calderón, Diego Hildebrando, dono dunha empresa informática, prestou servizos ao Instituto Federal Electoral, accedendo a múltiple información dos electores, que puso en exclusiva a disposición do PAN. As presións, as irregularidades, os delictos electorais, cóntanse por milleiros en México, pero a volta atrás é impensable. Mal que lle pese, a López Obrador non lle queda outra opción que aceptar a derrota, anque, efectivamente, utilice todos os recursos legais que estime pertinentes para denunciar as fraquezas e corruptelas dun sistema electoral que reclama a berros unha profunda reforma, poñendo fin á escandalosa pasividade das autoridades encargadas de evitalos e sancionalos. No día despois, a división política que presenta México pode ter importantes consecuencias para o futuro. A correlación de forzas que expresa o resultado electoral, cun PAN como forza maioritaria, pero cunha oposición hostil e resentida, augura un horizonte de dificultades para garantir unha gobernabilidade democrática e a superación das desigualdades económicas e sociais, das moitas miserias que habitan neste México lindo, mais alá do que poidas imaxinar, como di a súa Secretaría de Turismo. A escasa diferenza de votos entre os dous candidatos tamén implica unha chamada á reflexión daqueles sectores críticos do sistema, dende o subcomandante Marcos ata colectivos sociais en conflito co goberno, que apelaban ao boicot ou decidían protestar absténdose na xornada como medida de denuncia da súa situación. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 10/07/2006 |
||||||||
|
||||||||