| Acción exterior |
||||||||
| Estatuto, nación e Europa Por Xulio Ríos (AGN, 11/12/2006) |
||||||||
|
O galeguismo histórico fixo grandes aportes ás nosas relacións internacionais. Ese é un dos máis sobresaíntes. Situou a Galicia como nación en Europa. O nacionalismo contemporáneo virouna contra a Europa do capital. Hoxe cómpre reivindicar aquela traxectoria e aos seus protagonistas, ambos esquecidos e maltratados pola ignorancia bárbara dos propios galegos. Hai uns anos colocamos unha placa en memoria de Plácido Castro e deste feito na rúa Reconquista de Vigo. Houbo quen bateu nela ata destruíla. Reparouse e intentouse colocar de novo, pero a comunidade de propietarios rexeita que na nobre fachada exterior do seu inmoble figure un busto de Plácido Castro lembrando que foi a voz que acadou o recoñecemento internacional de Galicia como unha nación. En Galicia somos así. Nós contra nós mesmos. Coma no Estatuto. Poda que como subterfuxio a “anterga nazón de Breogán” provoque menos susceptibilidades, pero que Galicia é unha nación europea non ten volta de folla e cando foi recoñecida como tal estaba na vangarda da modernidade nalgúns aspectos, entre eles o intelectual. Este é un feito do que debiamos sentirnos orgullosos todos os galegos. O que diso se derive en termos de reivindicación política hoxe é cousa de cada forza partidaria que no lexítimo exercicio da súa acción pode, con todo o dereito do mundo, conter ou impulsar. Pero o que ninguén pode negar é o feito en si, por máis descoñecido que resulte aos propios galegos e por máis que o propio nacionalismo, o máis obxectivamente interesado na súa divulgación, teña por raro costume prescindir desta evidencia. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 10/12/2006 |
||||||||
|
||||||||