Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Desavinzas en Helsinqui
Por Xulio Ríos (AGN, 20/11/2006)
 
 

  Sergei Yastrzhembsky e Javier Solana, clic para aumentar
A pasada semana, o enviado do presidente ruso para as relacións coa UE, Sergei Yastrzhembsky, afirmou que “hai socios que están tratando de trasladar os seus problemas internos ao nivel europeo e de arrastrar a UE a un axuste de contas co que solucionar os seus problemas bilaterais con Rusia, o cal é inaceptable”. Era a resposta ao veto polaco ao plan para iniciar negociacións sobre un novo acordo UE-Rusia, en vinganza pola prohibición moscovita de importar carne de Polonia. E por máis cousas. (Foto: Encontro entre Sergei Yastrzhembsky e Javier Solana o 11 de maio de 2004. ©Council of the European Union).
 
A UE e Rusia deben afrontar esta semana en Helsinqui a avaliación das perspectivas xerais de colaboración, unha vez que en 2007 expira o Acordo de Asociación e Cooperación asinado por ambos dez anos atrás. E abundan as sombras. Polonia é culpada do actual desentendemento, se ben as causas son máis fondas. A pasada semana, o enviado do presidente ruso para as relacións coa UE, Sergei Yastrzhembsky, afirmou que “hai socios que están tratando de trasladar os seus problemas internos ao nivel europeo e de arrastrar a UE a un axuste de contas co que solucionar os seus problemas bilaterais con Rusia, o cal é inaceptable”. Era a resposta ao veto polaco ao plan para iniciar negociacións sobre un novo acordo UE-Rusia, en vinganza pola prohibición moscovita de importar carne de Polonia. E por máis cousas.

A principal desavinza sigue sendo a negativa rusa a ratificar a Carta Enerxética europea e o protocolo de tránsito que leva anexo. A tese central, o acceso non discriminatorio ás redes de tránsito de calquera país asociado á Carta, non é do seu agrado. A UE satisfai en Rusia o 25% das súas necesidades de gas e de petróleo. Varsovia teme a entrada en funcionamento dun gasoduto que a circundará, deixándoa illada e vulnerable fronte a Rusia.

O actual contexto xeral do diálogo ruso-europeo é relativamente decepcionante para ambas partes. Rusia relaciona o desatasco co seu ingreso na OMC e co relanzamento do diálogo político, inmerso agora nun complexo labirinto no que Bruxelas expresa as súas cautelas co devir ruso en numerosos ámbitos, e Moscova denuncia a dobre vara de medir utilizada pola UE (moito interese polo status da minoría cosovar pero ningún polas minorías rusas dos países bálticos, por exemplo).

A realidade actual impón un marco bilateral no que Rusia intenta facer valer a paulatina superación da súa crise ante unha UE que non da dixerido os efectos da ampliación. A perda de confianza está operando un significativo cambio de orientación en Moscova que xa non fixa tanto a súa atención no modelo da UE como na transformación que vive Asia, consciente de que agora pode exhibir unha relativa independencia que lle exime da obriga de adaptar o seu sistema ás esixencias comunitarias, como hai anos asumía como imperativo inexorable. Non cabe agardar pois que Rusia ratifique a Carta e a UE soamente pode aspirar a incluír algúns dos seus preceptos no futuro acordo de asociación bilateral. Así as cousas, as perspectivas da asociación e da cooperación bilateral perden sustancia, quedan por debaixo das expectativas e con poucas posibilidades de progreso.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/11/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta