Presenza-Opinión / Rusia Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia
Contra todos
Por Xulio Ríos (AGN, 24/07/2006)
 
 

  Dmitri Medvedev, clic para aumentar
Segundo unha enquisa realizada polo Centro Levada en maio pasado, un 18% dos rusos acolleríanse a opción “contra todos”, a primeira en intención de voto. Dmitri Medvedev (na foto), vicepresidente primeiro do goberno e probable sucesor de Putin, acadaría un 10,3% dos votos. A eliminación de “contra todos” equivale a prescindir do maior obstáculo que podería atopar o sucesor de Putin nas presidenciais. Nas eleccións lexislativas deste ano, a intención de voto contra todos calculábase arredor dun 12-15%.
 
Falta bastante aínda, pero Rusia leva meses inmersa na preparación da sucesión de Putin. O actual presidente ruso asegura que o actual será o seu derradeiro mandato e nada parece indicar que poidan darse movementos sorpresa para mudar a previsión constitucional que establece un máximo de dous mandatos consecutivos. As eleccións presidenciais celebraranse en 2008.

A primeira medida impulsada por Putin para facilitarlle o camiño ao seu sucesor foi respaldada recentemente pola Cámara baixa do Parlamento ruso, que decidiu suprimir a opción “contra todos” nas papeletas de voto. Esta posibilidade aparecera durante os tempos de Ieltsin, en 1993, cunha finalidade estrictamente estatística, se ben permitía dividir o voto antisistémico, impedindo que fose capitalizado totalmente polo Partido Comunista (PCFR). Unha lei aprobada ao ano seguinte establecía que os comicios debían proclamarse inválidos en caso de que este voto de protesta fose superior ao número dos sufraxios logrados polo favorito. A partir de 2005, quedou en mans das rexións manter ou suprimir a opción “contra todos” nas eleccións locais.

Segundo unha enquisa realizada polo Centro Levada en maio pasado, un 18% dos rusos acolleríanse a esta opción, a primeira en intención de voto. Dmitri Medvedev, vicepresidente primeiro do goberno e probable sucesor de Putin, acadaría un 10,3% dos votos. A eliminación de “contra todos” equivale a prescindir do maior obstáculo que podería atopar o sucesor de Putin nas presidenciais. Nas eleccións lexislativas deste ano, a intención de voto contra todos calculábase arredor dun 12-15%.

Nos comicios parlamentarios de 1999 e 2003, esta opción gañou en oito e en tres circunscricións, respectivamente, acaparando arredor do 20% dos sufraxios. Nas eleccións presidenciais, pola contra, os resultados foron marxinais: sexta posición das once posibles en 2000 (1,8%), e a quinta de seis en 2004 (3,5%).

Os electores que están contra todos, polo xeral civicamente activos, encamiñaranse agora, moi probablemente, cara a abstención, se ben algúns poderían reconsiderar o respaldo a algunha opción. Putin afoga así unha orixinal forma de protesta cívica contra as insuficiencias da democradura rusa.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/07/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta