Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
A triangulación galego-portuguesa
Por Xulio Ríos (Contrastes, abril/2006)
 
 

  Palop, clic para aumentar
Os países africanos de lingua oficial portuguesa (PALOP) constitúen un área xeográfica e económica que inclúe a países como Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guinea Bissau, Sao Tomé, e que, tradicionalmente, foi obxecto de pouca atención por parte de Galicia. O noso comercio exterior é moi vulnerable pola súa dependencia de Europa, onde a economía a penas crece. Na busca de novos mercados, sería de interese explorar as posibilidades de negocio que brindan estes países, onde a alianza sectorial e empresarial con Portugal podería axudar de forma estimable.
 
En ocasións, podemos ter as cousas diante e non nos percatamos delas, ou soamente apreciamos nelas as dificultades e os problemas en vez das potencialidades e as solucións. En Galicia, a lingua presentada como útil foi sempre o castelán. O galego era un resorte do pasado e sen futuro, venerable para expresar os sentimentos máis íntimos da identidade, pero inadaptada e non conveniente para os negocios e as cousas “serias”.

Aínda hoxe dirixirse en galego aos convidados nun acto empresarial é un feito novidoso e case extravagante, dos que marcan politicamente cando non é simplemente ritual. A lóxica, polo menos a dominante, tendeu durante moito tempo a reducir as posibilidades da diversidade lingüística. Pero, moi ao contrario, o idioma galego debería ser unha ferramenta clave para o desenvolvemento de actuacións de internacionalización empresarial en determinados ámbitos xeográficos.

A proxección exterior de Galicia, tanto no político como no económico, coñeceu dous escenarios principais: Europa e, en menor medida, América Latina. O noso “estranxeiro próximo” (permítaseme a expresión sen máis connotación que a afectiva) asenta nunha proximidade xeográfica, nun caso, e no feito diaspórico, noutro. A diáspora é unha singularidade galega, mal aproveitada aínda e que adoece de serias taras. Non obstante, o problema está sobre a mesa. O problema da lingua, que é outro factor de singularidade que deberíamos ter en conta para proxectarnos no mundo, é que nin se tomou en consideración de forma seria ou é temido de forma irracional, por estar vinculado a un debate que, certamente, predispón a non poucos á defensiva.


América-África-Asia

Aínda con problemas e dificultades, nos últimos anos avanzaron moito as relacións entre Galicia e Portugal, especialmente o Norte do país veciño. A Comunidade de Traballo da eurorrexión, actualmente en reformulación, prestou cobertura institucional a esa relación animando proxectos de desenvolvemento eurorrexional, e contando para iso con fondos europeos, como é sabido, cun horizonte temporal limitado e próximo.

Nestes anos, moitos dos nosos empresarios aprenderon a internacionalizarse en Portugal, entorno próximo pero non fácil, e o impulso institucional común serviu para que as nosas infraestruturas principais, salvo o tren, experimentaran unha considerable mellora. Os vectores da construcción interna da eurorrexión están planteados. Por iso, creo chegado o momento de que a eurorrexión se plantee en serio a proxección exterior. Na nosa relación con América Latina, por exemplo, os intereses son moi converxentes. A relación con Portugal e o feito lingüístico poderíanos axudar en Brasil, país clave na rexión. E a nosa ampla rede de relacións noutros países da zona (México, Venezuela, Uruguai, etc) podería ser de utilidade para impulsar a cooperación empresarial e a internacionalización.

Pero a clave máis novedosa é a relacionada con África e Asia. En relación á primeira, os países africanos de lingua oficial portuguesa (PALOP) constitúen un área xeográfica e económica que inclúe a países como Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guinea Bissau, Sao Tomé, e que, tradicionalmente, foi obxecto de pouca atención por parte de Galicia. O noso comercio exterior é moi vulnerable pola súa dependencia de Europa, onde a economía a penas crece. Na busca de novos mercados, sería de interese explorar as posibilidades de negocio que brindan estes países, onde a alianza sectorial e empresarial con Portugal podería axudar de forma estimable. A experiencia en marcha no ámbito da cooperación ao desenvolvemento, onde Cámaras portuguesas e Concellos gallegos desenvolven proxectos en países como Cabo Verde pode ser un referente a ter en conta, anque a súa filosofía sexa (e entendo que así debe ser) moi distinta.

O segundo referente é Asia e, sobre todo, China. Ninguén discute xa a importancia de estar presentes neste país, cunha das economías máis dinámicas do mundo. Pero non é doado acceder aos seus mercados. Unha porta de entrada de interese para Galicia, pouco explorada aínda, podería ser Macau, en alianza con empresas e entidades portuguesas. Sería unha estratexia singular e con maiores posibilidades de éxito, probablemente, que as promovidas a través das vías de entrada tradicionais onde a competencia é moito máis intensa.

España como Estado prestou e presta unha considerable importancia ao idioma como referente da súa política exterior. Galicia non, e a pesar de atoparse nunha posición neste sentido máis favorable que o País Vasco ou Cataluña. Pero non pusemos en valor nin interiorizamos suficientemente a nosa potencialidade lingüística no plano internacional. Esa dignificación non soamente debe suscitarse cara fóra. É tamén fundamental convencer ao Estado de tirar proveito da vantaxe comparativa que Galicia ten nesta orde para que sirva de plataforma especializada a fin de desenvolver as relacións co mundo de expresión portuguesa. A combinación de leadade e complementariedade produciría bos resultados para todos.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/03/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta