Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
A diáspora e a política do obvio
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 08/06/2006)
 
 

  Ponte sobre o río Lérez, clic para aumentar
O tempo pasa e apremia. Urxe atender á diáspora que non pensa no retorno, á diáspora que non ten dificultades nin precisa atención, á diáspora que considera os centros galegos un anacronismo –discutible pero respectable– dificilmente modernizable, á diáspora que mira o noso país desde o seu outro país e pode comprometerse a tender pontes en todos os eidos. (Foto: Detalle da ponte sobre o río Lérez en Pontevedra. ©Fernando Pol).
 
Desandamos. Hai ámbitos nos que cabía agardar do novo goberno unha iniciativa moito máis ambiciosa, especialmente en eidos que teñen unha importancia estratéxica esencial para o país. Un deles é a diáspora. A potencialidade do capital humano que tanto ten feito pola internacionalización de Galicia estase a desperdiciar. Comprendo que debe existir unha política asistencial, que debe ser perfeccionada e mellorada constantemente. Pero se toda proposta para a diáspora se limita a unha equiparación en termos xerais, de iure e de facto, cos cidadáns asentados no propio país, ata carecería de sentido un departamento específico para xestionala; bastaría con diasporizar as respectivas políticas en cadanseu departamento. Pero a diáspora é moito máis rica ca iso e non acabamos de aproveitar todas as súas enerxías porque non articulamos con ela mecanismos de alcance estratéxico.

Os sectores que na nosa diáspora deben gozar dun tratamento especial non só son aqueles que se atopan en dificultades, senón tamén aqueles outros que gozan dunha posición privilexiada en diferentes ordes e cun nivel considerable de influenza nas sociedades de acollida, nas que se integraron de costas mesmo, en ocasións, a unhas estruturas cunha praxe por veces nostálxica, que non identitaria, e progresivamente enredadas en prácticas de dependencia que, por fortuna, o novo goberno, con esa reivindicación da cidadanía e reformas legais garantistas, tenta superar.

A inercia da tradición asistencialista da política galega en relación á diáspora déixanos pouca marxe para a creatividade e feudaliza aos seus responsables. Hai continuidade nalgunhas iniciativas positivas, especialmente no eido da formación e para os máis novos, pero non damos aprendido das leccións pasadas. Os intentos de reflotar experiencias de organización multitudinario-empresarial da diáspora xeran o natural escepticismo e obvian (e ignoran) a complexidade da nosa emigración e a súa presenza en ámbitos que hoxe dispoñen dunha potencialidade sectorial de impacto igual ou maior. Empresarios si, pero non só empresarios, por favor. Máis alá do empresarial, existe unha Galicia con influenza, quizais intanxible pero con valor ao fin e ao cabo, que, por regra xeral, desaproveitamos de forma incrible.

Non se poden facer políticas innovadoras e, á vez, de curto prazo. Máis aínda cando se trata dun terreo moi descoñecido, a pesar do tanto que levamos falado xa da diáspora. O mapa da Galicia relevante do exterior é unha tarefa que debe facerse con tempo, debe ser plural na súa concepción e xestión e estar actualizada de xeito permanente. Os artistas, os escritores, os políticos, os profesores de universidade, os xornalistas ou deportistas, exentos de grandes dificultades e asentados nos seus respectivos ambientes, durante anos, con independencia agora das lexítimas posicións políticas de cada quen, viviron á marxe de Galicia ou a viviron a través de ollos propios, ausentes da tutela da Administración, e sen por iso deixar de sentirse comprometidos. Atraelos, gañarse a súa confianza, implicalos en estratexias bilaterais e de interese mutuo, non é algo que se poida facer da noite para a mañá, pero non pórse mans a obra ou desandar é unha traxedia para este país, pois renuncia a un valor e a unhas capacidades que o singularizan no mundo e que poden resultar, ao igual que acontece no caso doutras diásporas de importancia, de grande utilidade práctica e intelectual.

O tempo pasa e apremia. Urxe atender á diáspora que non pensa no retorno, á diáspora que non ten dificultades nin precisa atención, á diáspora que considera os centros galegos un anacronismo –discutible pero respectable– dificilmente modernizable, á diáspora que mira o noso país desde o seu outro país e pode comprometerse a tender pontes en todos os eidos. Unha política para eles debería ser o programa estrela nesta materia do novo goberno. Eles xa saben que son cidadáns. Non hai que explicarlles obviedades e están dispostos a exercer como tais, con respecto á pluralidade, con independencia e criterio. Ou vai ser, despois de todo, que é iso o que non interesa?

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/06/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta