| Acción exterior |
||||||||
| A axenda exterior de Galicia Por Xulio Ríos (AGN, 17/04/2006) |
||||||||
|
A seguir da desaparición de Savimbi (2002), a pacificación de Angola está permitindo ritmos de crecemento de dous díxitos. Despois de EEUU, Portugal é o seu segundo socio comercial, con boa implantación en sectores como a construción, os transportes, a construción naval, e as súas pequenas e medianas empresas están presentes nos servizos, na banca ou no comercio. Certo que Angola é un dos países máis pobres de África e, con seguridade, a cooperación ao desenvolvemento de Galicia ten moito que facer, en alianza, de selo caso, con partenaires, públicos e privados, de Portugal e doutros lugares. Pero tamén o seu petróleo, diamantes, ouro, uranio, e a paz, unidas a unha demografía en crecemento (estimase que nunha década pode pasar dos 15 aos 21 millóns de habitantes), dan conta das súas potencialidades. O impulso político que require a acción exterior de Galicia non debe desatender estes novos polos de emerxencia, aos que sería factible un achegamento singular tanto en razón da nosa proximidade lingüística, que non deberíamos desaproveitar por prexuízos absurdos e que tanto faría por valorizar máis a utilidade da nosa lingua, como tamén da nosa veciñanza con Portugal, con quen deberíamos concretar instrumentos específicos de cooperación, especialmente no Norte, para que a proxección exterior común puidera acreditarse como un ámbito de traballo conxunto. O noso, como o de Portugal, non é investir no petróleo (China vai en cabeza), pero si hai un espazo para participar na reconstrución do país e implantarse nel con boas perspectivas, como están a facer os grandes investidores internacionais. Contamos cunha vantaxe comparativa que non debíamos desaproveitar. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 18/04/2006 |
||||||||
|
||||||||