Presencia-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
O fraude da OMC
Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 28/07/2006)
 
 

  Doha, clic para aumentar
A UE foi o refén dos seus estados membros, Francia e España, que rexeitaron facer un recorte significativo nos seus aranceis agrarios.
 
A suspensión da rolda de negociacións de Doha o 24 de xullo, por parte do seu manda máis Pascal Lamy, describe un novo episodio da historia interminable. Os retrasos só complican maiormente a situación dos países máis desfavorecidos, xa que moitas das condicións do comercio internacional que máis tarde se impoñen nos tratados de libre comercio, como poden ser a título de exemplo os subsidios ós agricultores, quedan a expensas dos acordos que se achegan nas negociacións levadas a cabo no marco das negociacións da Organización Mundial do Comercio (OMC).

Coas consabidas demoras, o único que persisten son as desfavorables condicións impostas ós países subdesenvolvidos, que se ven afogados na espiral dun comercio inxusto, dándolle saída ós perniciosos acordos bilaterais do tipo TLC alentados polos EEUU. A UE e os EEUU, pretenden gañar tempo e manter o status quo, presionados polos poderosos lobbys agrarios, que a través da suspensión das negociacións alongan indefinidamente as condicións favorables no seo da OMC.

Non obstante, incluso se as negociacións se conxelan, os subsidios agrarios están a ser cada vez máis atacados polas economías emerxentes, como o proban as accións emprendidas por Brasil respecto do algodón ou do azucre. Outra práctica habitual é obrigar ós países en desenvolvemento a abrir os seus mercados a través de acordos comerciais rexionais e bilaterais, favorecendo un mercado regulado polos países poderosos sen esperar moitas concesións ós máis desfavorecidos. Unha trampa que condena á inacción.

A cada vez maior integración dos países subdesenvolvidos é a única esperanza de solución para acadar un comercio máis xusto. No caso contrario, os poderosos comerciantes internacionais seguirán levándose a mellor parte alterando a harmonía das economías locais, ó mesmo tempo que rompen co equilibrio e as pautas sociais dos países máis pobres a través de prácticas inxustas como o dumping, que dificultan a subsistencia dos pequenos agricultores do sur.

A actual suspensión das negociacións de Doha, significa que a comunidade internacional perde a única opción diplomática para lograr reformas a través de negociacións, rompendo o circulo vicioso que segundo denuncian as ONG, premia con 13.000 millóns de $ en subsidios ilegais en ambos bloques mentres esfamean a miles de agricultores pobres do sur.

A fin de contas, ó igual que noutras dinámicas como por exemplo as da integración europea, os intereses nacionais bloquearon as negociacións de Doha. Por parte estadounidense, o Congreso negouse a facer concesións nas reduccións da axuda ós seus agricultores, e a UE foi o refén ó mesmo tempo dos seus estados membros, Francia e España, que rexeitaron facer un recorte significativo nos seus aranceis agrarios, esperando pola contra que os países pobres rebaixaran o nivel da súa protección dunha forma acelerada, sen ter en conta o risco que isto supón para millóns de campesiños pobres que logo formarán parte das columnas de inmigrantes que petan nas nosas portas.

 
 

Xosé Manuel Figueiras,
analista do Igadi.

Xosé Manuel Figueiras, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/07/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta