| Presenza-Opinión |
||||||||
| Europa en mans dos tribalismos estatais Por Xosé Manuel Figueiras (Xornal, 14/06/2006) |
||||||||
|
Por outro lado, o feito de acollerse a unha actitude derrotista diante de dous referendos negativos, cando hai resultados moito máis positivos na maioría dos recunchos continentais, non ten outra intención que a de obstaculizar un proxecto común, cunha estratexia ben definida dende a óptica dos estados e as elites estatais, en maior ou menor medida ciumentos dun proceso que non se sabe onde vai parar. Estados, que temen algún día converterse en marxinais nunha Europa autoconstructiva, que lles zugue a preponderancia intergobernamental ata agora reinante. Semella paradoxal que Europa teña que nacer da man dos seus propios verdugos. Os estados membros, e os seus valedores. Pero o feito de ter que confiar a posta en marcha das políticas públicas ós malamente denominados estados “nacionais”, de que ó mesmo tempo sexan estes mesmos actores os que levan a voz cantante na adopción de medidas nunha confrontación de intereses en suma “0”, e que ó mesmo tempo sexan imprescindibles á hora de informar e educar nos valores comúns, debendo promover a un tempo certa identidade conxunta, significa a castración do proxecto comunitario cando menos por décadas. Hoxe en día, os estados non están para iso, e cada un fomenta o seu propio folclore, acentuado pola ameaza da globalización. Queda non obstante a esperanza de que as necesidades xeoestratéxicas fagan pensar en clave colectiva, cousa que non acontece de momento en vista da paupérrima reacción fronte ás dificultades enerxéticas, o aliñamento a carón do unilateralismo norteamericano, a afonía e o mutismo diante dos atropelos israelís en Palestina, ou a triste indiferenza fronte ó problema da inmigración. O certo parece ser que a UE pretendida, é a da fronteira encuberta, tan real como imaxinaria, a da confrontación de seleccións “nacionais” nas Eurocopas ou nos Mundiais, a estereotipada Europa de Eurovisión, confeccionada con patróns afrancesados e aplaudida polos euroescépticos británicos que choutan de xúbilo en función do seu momentáneo fracaso, pero que subsiste coa férrea mecánica xermana, sen esquecer o adobo liberalista, que ningún latino se atreverá a rexeitar porque ven apadriñado por unha subvención, nun traxe á medida. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2006 |
||||||||
|
||||||||